Antía Cal Vázquez


Categoría: Mestra e pedagoga
Data de Nacemento: 18 de abril de 1923 († 30 de marzo de 2022)
Lugar de Nacemento: A Habana (Cuba)
 Currículum

Nada nunha familia de emigrantes orixinaria de Muras (Lugo), aos nove anos volve a Galicia coa súa nai e irmáns para botar adiante os estudos en España. O pai ficou na Habana traballando para o sostemento económico. Na Galicia de Antía conta moito o Mesón dos seus avós maternos. Alí acollérona con agarimo e pasou feliz a infancia galega e a mocidade e foi xa para sempre unha referencia de identidade. Cadráronlle ben os libros e fixo un bo bacharelato no Colexio Dequidt da Coruña, do que garda boas memorias. Nos remates, aos dezasete anos a familia instálase en Santiago, ela pensaba estudar na Universidade, pero o seu pai tíñalle asinado ser “tenedora de libros” (Comercio). Un pouco magoada fai esa carreira e unha compañeira fálalle de facer Maxisterio e tamén pensa que lle proe, aquel ano foi custoso, emporiso rematouno e ó curso seguinte a súa nai acordou deixala ir tras da Xeografía na Universidade. Faise moza dun mozo que a engaiolou, Antón Beiras, oftalmólogo compostelán, casaron e viñeron a vivir a Vigo. Vintedous anos durou aquel matrimonio harmonioso e feliz ata o 1 de abril de l969 que Antón morre case de súpeto. Namentres, Antía non puido traballar polos seus estudos, por non cadrar ben co traballo do seu home e coidou da familia agarimosamente. Xa con tres fillos nados, Antón resolve, polo seu traballo, facer unha viaxe de estudos por Francia, Suíza e Alemaña e quere ir acompañado coa súa muller. Nesta feliz viaxe, Antía descobre en Xenebra pola prensa un niño pedagóxico ó que acode presta e alí un sabido velliño descóbrelle unha ruta pedagóxica que ela estaba a agardar. De Xenebra á UNESCO, de alí a andar os seus fillos tras dunha educación infantil valiosa, Mr Mann a axudar canto podía á familia, unha carta moi influinte a Galaxia dende Barcelona, da Asociación de Mestres Rosa Sensat. Nace a Escola Rosalía de Castro de Vigo. E deste xeito, no tempo e no Vigo de entón, botou adiante unha escola científica e bilingüe naquel ermo triste e miserento que lles tocaba vivir.