Profesor colaborador en programas de alfabetización e para a obtención do graduado escolar no distrito de Carabanchel (Madrid) entre 1980 e 1986, Ángel Rodríguez é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor de ensino secundario na materia de lingua castelá e literatura desde 1989 en varios institutos de Navarra, Coruña e Pontevedra, foi profesor bolseiro na cátedra de Lingua Española da Facultade de Humanidades e Ciencias Sociais da Universidade Nacional da Patagonia (Arxentina) e profesor asociado do Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo.
Publicou os seguintes libros: ‘La complementación preposicional en español clásico’ (USC, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2004), ‘As vidas de Enriqueta Otero Blanco’ (Fundación 10 de Marzo - Concello de Lugo, 2005) e ‘A represión franquista en Ponteareas (1936-1939)’. Tamén publicou artigos sobre diferentes temas en revistas e congresos. Fixo, ademais traducións do inglés para diferentes revistas.
Conseguiu o III Premio de Investigación Fermín Bouza Brey (2004), convocado polo Concello de Ponteareas (Pontevedra), co traballo titulado ‘A represión franquista en Ponteareas (1936-1939)’.