Non tiña lembranzas do seu pai Pepe que morreu en decembro de 1935 por unha grave infección a causa dun flemón. Súa nai quedou viúva e con 5 fillos para criar durante a guerra e a posguerra da fame. Por iso desde moi novos os irmáns tiveron que axudar na casa: botar as vacas, ir ao muíño de Ceides coa besta. Don Benigno (tío de seu pai) decidiu axudalos pagando os estudos no Seminario do Anxo e do seu irmán Pepe.
Cando foi estudar ao Seminario xa se comportaba de xeito diferente aos demais seminaristas que nas vacacións non traballaban na terra; el si axudaba na casa nos traballos da herba seca ou botando as vacas. Recibiu as ordes de cura o 28 de xuño de 1959 nunha cerimonia celebrada en Lugo e na que fixo a 1º comuñón o seu sobriño Bernardino (fillo do irmán da casa, Juan). Recibiu as ordes do bispo auxiliar Don Antonio Ona de Echave, que aínda vivía o titular Balanzá y Navarro.
En 1959 foi nomeado crego de San Xusto de Quindous - Cervantes (botou máis dun ano), seguiu en Santa María de Ferreiros de Balboa - Becerreá (case tres). En 1964 foi nomeado cura ecónomo de San Pedro Fiz de Hospital do Incio (principal) e tamén de Santa Cruz do Incio (anexo). En 1992 tamén o nomean Administrador parroquial de San Pedro do Incio e Santalla de Trascastro, xunto coa Ferrería, que depende de Trascastro da que queda ben lonxe. E xa botou raíces no Incio para sempre.
Cando chegou ao Incio a igrexa nova (de 1961) estaba case sen pagar (fora obra de don Argimiro, que marchara a Arxentina e mantivo sempre unha cordial relación co Anxo) e tivo que moverse moito e petar en moitas portas para conseguir os cartos. Esta igrexa é das primeiras no país galego en ter arquitectura moderna sen imitar as típicas igrexas de sempre, está perfectamente integrada no contorno da Cruz do Incio. Tempo despois botou tamén anos de traballo e moitas angurias para conseguir restaurar a histórica igrexa do Hospital (en dúas etapas porque estiveron as obras paralizadas).
Pero conseguiuno e ensinábaa orgulloso contando cada detalle e sinalando a fermosa paisaxe de castiñeiros que a circunda. Coidaba con moito mimo o xardín de diante da igrexa, o sitio onde se colocou o seu busto o 31-1-2009. Velaquí a información enviada polos promotores do busto: Á hora de encargar o busto, por unanimidade decidimos que fora un escultor natural do Incio o que elaborara a obra. Ademais dáse a casualidade que o escultor, Álvaro Pereiro coñecía persoalmente ó “cura do Incio”, polo que a tarefa era máis sinxela.
No ano 1992 o escultor, Álvaro Pereiro e o sacerdote Ángel González colaboraron para un programa da segunda canle, na que amosaban os xacementos megalíticos do Incio, imaxes das Mámoas Célticas de Goó, visitas o Castro de Formigueiros, forman parte da reportaxe. Así mesmo, colaboraron ambos coa Revista Arquio para un documental sobre a “Arqueoloxía Galega Celta”.
O busto co que se pretende homenaxear o “cura do Incio” é de carácter románico. A pedra coa que está realizado é da Canteira de Lóuzara no Concello de Samos, porque é a pedra que mellor acompaña ó entorno no que imos colocar o busto, nas inmediacións da Igrexa de Hospital do Incio, tamén románica.
O escultor tomou as medidas para facer o busto duns bustos tamén románicos situados nas inmediacións do Pazo de Vilaboa na Coruña.
Para a elaboración do busto, contou con fotos que os sobriños de Ángel González tiveron a amabilidade de prestar, fotografías nas que aparece só e en primeira plana. Non obstante, no noso ánimo de implicar a un maior número de persoas do Incio, na elaboración do busto, tamén contamos coa axuda inestimable de Miguel Torre un pintor local que se prestou a facer un boceto- retrato de Ángel González.
Á hora de elaborar o busto, o escultor tal como declarou resultoulle de gran axuda coñecer persoalmente ó homenaxeado, á hora de ir trazando os rasgos que o caracterizaban. Tamén contou co apoio de moitas persoas que a cotío visitaban a súa casa para irlle indicando características de Ángel González, indicacións que esperaban que ó artista lle resultaran de utilidade.Finalmente e tamén por unanimidade decidimos que fora a frase “EU NON VIÑEN A SER SERVIDO SENÓN A SERVIR” a que conste na pedra que soportará o busto, pois ningún dito mellor podería definir a traxectoria dun home que adicou toda a súa vida ós demais sen esperar nada a cambio.
Foi dos primeiros cregos da diocese en deixar de levar sotana e en dicir a misa en galego. Participou en movementos progresistas e galeguistas coma Irimia. Nos anos 60 el e outros curas foron a Lugo o día en que se celebraba a Ofrenda ao Santísimo na Catedral e situáronse diante do Pazo episcopal cando as autoridades ían xantar; eles levaban un garrafón de viño, torresmos e pan. Parece que durante un tempo a garda civil tiña que mandar informes das súas homilías.
Axudaba na parroquia en todos os labores colectivos, manexaba pico e pa cando cumpría. Para a construción do grupo escolar deu moito pico e pá e fixo moito cemento. Tamén participou no asunto do monte común onde tiñan as vacas rubias (autóctonas) e aquel touro tan bravo. Traballou de taxista, de dependente da farmacia do Incio (moitos anos).
Máis tarde aprobou en Santiago os exames de graduado social e así puido exercer no oficio da xestoría da man do seu grande amigo, o tamén crego Don Manuel Varela Gorgoso, e os últimos anos en sociedade co Luís de Sarria.
Nunca lle cobrou aos fregueses nada polos casamentos, bautizos, enterros... En moitos casamentos non só non cobraba senón que tamén levaba un agasallo.
Calquera familiar, amigo, fregués podía contar con el para o que fixese falta.
Tamén foi dos primeiros cregos en celebrar os enterros sen cantos nin unha recua de curas na cerimonia. Contaba que fixera unha votación na parroquia e houbera maioría absoluta: que no acompañamento se iría en silencio e logo se diría unha misa rezada, igual os pobres ca os ricos. Cando collía unha parroquia pedía que se fixese unha comisión que xestionase as contas, permisos, posesións, etc. Porque, dicía, todo era da parroquia, non do cura.
Non era nada amigo das autoridades eclesiásticas (dicía que lle provocaban alerxia) porque sempre foran de ideas conservadoras e el era progresista en todos os niveis. Pero aínda así sempre actuou dentro da Igrexa. Foi moi amigo de progresistas como Xosé Alvilares, os irmáns Jaime e Abel Quiroga, José F. Hermida, Pablo Rodríguez, Xesús Mato... Relacionouse con Torres Queiruga, Julio Lois, as xentes de Irimia. Era seguro todos os anos na Romaxe dos Crentes Galegos, que organizou un ano no Hospital -foto da esquerda-. Participou nos movementos socialistas-relixiosos (mesmo en tempos de clandestinidade).
Coa democracia entrou na política activa e foi concelleiro no Incio polo PSOE co seu amigo García. Deixou pronto os cargos políticos. Tiña que ser e era cura de todos, das dereitas e das esquerdas, aínda que persoalmente se inclinase polos progresistas. Por iso celebrou con familiares e amigos no 2005 a caída das dereitas.
A súa viaxe máis importante foi a New York en 1988, convidado polo Centro Galego para pronunciar unha conferencia sobre Otero Pedraio. Alí foi agasallado por don Emilio González López, Amado Ricón e outros ilustres persoeiros
Nunha das operacións cirúrxicas que sufriu botou varios meses sen volver ao Incio. Quen o levou o 1º día de volta dá fe de que saían as mulleres das casas nas aldeas a darlle abrazos a D. Ángel cando entraba en cada lugar.
Foi sempre o maior apoio para toda a súa familia, era moi familiar. Non había festa ou comida do clan á que el non acudise, sempre co seu humor e nunca presidindo nin dando a nota, el era un máis. Ademais non había problema ou desgusto non que el non axudase. Animou ao Manolo cando quixo modernizarse e facer a estabulación nova e o tío o D. Benigno non quería dar o permiso. Animou ao Xan cando trouxo a 1ª vaca pinta. Axudoulles cos fillos: buscando traballo, pagando estudos.
Tamén el foi o culpable de existiren Os Parentes: cooperativa gandeira de 300 vacas formada por sobriños seus. Animounos e preparoulles reunións con técnicos amigos seus. Sempre estivo detrás gozando de cada momento da obra e o día en que meteron as vacas nas nova instalacións puxo a condición de poder estar presente, foi un dos máis felices da súa vida.
A relación cos sobriños foi entrañable. El decote respectou as opcións ideolóxico-relixiosas deles e sempre acudía a canta voda, bautizo ou comuñón había na familia e aínda por enriba facía un dos mellores regalos. O curioso é o nome polo que o chamaban sempre todos os sobriños e bisobriños -cariñosamente-: INCIO. Así o coñeceron e chamaron todos os bisobriños, mesmo algúns pensaban que era nome de pía. Antes era costume entre curas chamárense polo nome da parroquia que levaban e como na familia de Anxo sempre houbo moitos curas, de aí vén o hábito.
Sempre tivo bastante boa saúde ata os últimos anos e acompañaba a nai e irmáns nas súas visitas a médicos cando eran fóra, el poñía o coche, a comida e as xestións (el estaba co Pepe cando o xenro de Franco o quería operar do corazón e case non o conta; co Manolo en Barcelona na anxina de peito; co Xan en Pontevedra pola úlcera de estómago).
No Entroido de 2005 descubríuselle un cancro linfático. Pelexou e aínda volveu tempadas ao Incio, pero no Entroido de 2006 deulle unha pneumonía moi forte, saíu dela mais aos poucos días comezou unha infección xeneralizada que acabou con el no Xeral de Lugo. Foi moi ben atendido: enfermeiras, o Dr. Paz, o xerente do hospital. O seu cuarto estaba sempre aberto a fregueses, amigos e familia.
Fíxoselle o velatorio en Trasar, na súa casa desde as tres do mércores 19 ata as 5 do venres 21. Deixárelle á cuñada Pilar, que o coidou na enfermidade, un papel xa dous anos antes coas condicións do enterro: nada de flores, vestido só cunha alba branca e unha estola verde (a maioría dos curas levan unha casula), que non se puxesen autobuses, e unha caixa das máis baratas.
O día do seu enterro (21 de abril cando empezaba a primavera) colapsouse Trasar de Carballo. Os coches chegaban moi lonxe, había autobuses do Incio. A xente entraba a ver o cadaleito e saía chorando a fío. Moito choveu malia ser un día de abril, e con frío. Pero a cerimonia no pallar da casa foi multitudinaria. Oficiou o Sr Bispo Frei José co Vicario e o Arcipreste D. Pegerto do Rañadoiro. D. Pegerto leu un sentido texto sobre el, os sobriños Anxo e Elías participaron nas lecturas. Era imposible contar o número de curas que había alí.
O domingo 23 as parroquias tivéronlle unha misa no Incio. Oficiou unha cerimonia sinxela como a el lle gustaban o seu amigo José Alvilares. A igrexa estaba acugulada e houbo moita emoción e bágoas. Unha nena leu a lectura e un neno leu unha poesía feita por eles en honor a Don Ángel. O seu afillado deu as grazas en nome da familia: estaban presentes 21 membros.
A nena pediu un aplauso para o cura (el que sempre pedía un aplauso nas vodas, bautizos... para os demais).
O 16 de agosto de novo houbo unha misa organizada polos curas amigos seus: Xulio Lois, Torres Queiruga, Pablo Rodríguez Rodríguez, José Fernández Hermida, Xosé Alvilares, Xesús Mato, etc. Outra volta a igrexa chea. Os fregueses entregaron unha placa de lembranza para pór no nicho. O seu afillado dixo a todos: en nome da familia quero agradecer todas as atencións que están tendo coa súa memoria. El sempre foi o mellor puntal da nosa familia por iso este acto e esta placa énchennos de orgullo e fannos moita ilusión. Colocarémola con todo o cariño, anímense e veñan por Trasar para vela colocada, a que foi a súa casa será sempre a de todos vostedes, os seus amigos e fregueses serán sempre ben recibidos, graciñas. Media igrexa tiña bágoas nos ollos...
Para nada respondeu ao típico cura bo cazador e pescador (deportes que non practicou), nin tivo nunca cabalo ou besta, nin criadas. Viviu feliz no Incio, que non cambiaba polo mellor lugar de Europa ou América. Botou media vida na casa do Berretina gozando dos pratos que preparaba a señora Anita. Tamén era un excelente contador de historias de moitos curas (como o de Rendar, do que sabía moitos contos), de xentes do Incio, de Trasar. Sempre de bo humor e contando anécdotas e rexoubas. Nos últimos anos paseou sete paseares pola contorna. Coñecía polo miúdo todos os recantos das terras do Incio, Samos, O Caurel...
Sempre estaba voluntario para servir de guía a calquera visitante para cantarlle as marabillas da paisaxe, os sitios polos que andara Ánxel Fole, os monumentos... Era o mellor propagandista do Incio. Estudoso dos costumes e da música popular, gravou ducias de cintas coas voces das persoas maiores das terras da montaña luguesa. Tamén nos últimos anos se converteu nun atinado apicultor en San Pedro.
Din del no Blog Terras do Incio: Destacamos desta persoa o seu carácter humano con tódolos feligreses/as do Incio así como o seu importante labor no eido cultural, pois coa axuda dunha gravadora ía polas aldeas do Incio na busca de cancións tradicionais, bailes, que recompilaba e logo lles entregaba a Mini e Mero membros da Quenlla. Participou asemade, na restauración da Igrexa de Hospital, como din moitos veciños do Incio "homes amantes da liberdade como o "cura do Incio" hai poucos".
Home moderno, adiantado aos tempos, dialogante, galego, crente, crego convencido. E nos últimos anos tamén navegante pola Internet, malia que a conexión telefónica era mala no Incio e todo funcionaba moi lento, pero el botáballe paciencia e pelexaba co ordenador. Por iso merece ben figurar agora na rede cunha páxina a el dedicada e preparada polo seu afillado.
O 31 de xaneiro de 2009 foi a homenaxe a Anxo no Incio. E na madrugada seguinte faleceu o Casilla, era moi amigo de Anxo pero estaba gravemente enfermo e non puido asistir ó acto. El sempre lle dicía a Laura Celeiro: hei morrer e o coio do cura sen poñer, a ver cando poñedes a pedra. Moito sentiu non poder ir á homenaxe do Anxo. E foise xa nesa madrugada. Se hai un alá, seguro que andan xuntos os dous contando contos e rindo.
O seu traballo non se perdeu. Durante anos foi gravando cintas con cancións e romances por moitos lugares da provincia. Esas cintas déullelas a Mini e Mero (A Quenlla) que as depositaron no Museo do Pobo Galego de Santiago (Arquivo do patrimonio oral e da identidade) para o seu estudo e divulgación. Alí Segio de la Ossa e o seu equipo estanas dixitalizando para que no futuro calquera as poida consultar.