Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela en 1980, doutorouse pola mesma universidade en 1987 coa tese de doutoramento ‘Valores de las formas verbales en castellano’. En 1994 traslada a súa actividade docente de Santiago a Lugo. Na Facultade de Humanidades lucense funda en 1995 a revista ‘Moenia. Revista Lucense de Lingüística e Literatura’, que co-dirixe con Claudio Rodríguez Fer (edita a Universidade de Santiago de Compostela). Na actualidade é catedrático de lingua española en dita Facultade de Humanidades, da que foi decano entre 2003 e 2011. Os seus ámbitos investigadores principais son a fonoloxía e a morfosintaxe verbal, con especial atención ás linguas española e galega, tanto na súa dimensión sincrónica coma na diacrónica. Traballa tamén no estudo e reconstrución de textos casteláns medievais. En 2008 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola ‘Nueva Universidad Búlgara’ de Sofía.
Entre os seus libros publicados destacan: ‘Condicionales, concesivas y modo verbal en español’ (Santiago de Compostela, 1992), ‘La forma verbal española ‘cantara’ en su diacronía’ (Santiago de Compostela, 1996), ‘Estudios de morfosintaxis verbal española’ (Lugo, 2002), ‘El subsistema vocálico español’ (Santiago de Compostela, 2002), ‘El modo verbal en cláusulas condicionales, causales, consecutivas, concesivas, finales y adverbiales de lugar, tiempo y modo’ (Salamanca, 2006, en colaboración con M. Mosteiro Louzao), ‘Co-pretérito e irreal / imperfecto o inactual’ (Lugo, 2008) e “El componente fónico de la lengua” (Lugo, 2009). Tamén foi colaborador na ‘Gramática descriptiva de la lengua española’ (1999), dirixida por I. Bosque e V. Demonte, así como da ‘Sintaxis histórica de la lengua española’ (2006), dirixida por C. Company (UNAM, México). É fundador e co-director da revista ‘Moenia. Revista Lucense de Lingüística e Literatura’ (USC), responsable científico da editorial lucense Axac e director de varias coleccións de libros de tema lingüístico. Ademais, é membro do comité científico de varias revistas nos ámbitos da lingüística e a filoloxía.
Foi o organizador principal dos congresos internacionais de lingüística ‘Léxico y Gramática’ (Lugo, 2000) e “31º Congreso Internacional de Lingüística Funcional” (Lugo, 2007). Tamén foi organizador de simposios, seminarios e ciclos de conferencias na Facultade de Humanidades de Lugo. Así mesmo, é relator e profesor invitado en diversas universidades españolas e estranxeiras e compositor dalgunhas obras para guitarra española.