Andrés Barallobre


Data de Nacemento: En 1460 (†27 de maio de 1536)
Lugar de Nacemento: Barallobre - San Xiao de Carballo - Friol (Lugo)
 Currículum

Alí a comezos do século XII un antepasado seu procedente de Barallobre (Fene) construíu a casa forte da familia, aproveitando unha doazón de Pedro Froilaz, Conde de Traba. Como nesa época comeza a xeneralizarse o uso do apelido entre a nobreza, e indicaba case sempre procedencia territorial, podemos considerar verosímil a hipótese de que ese Barallobre procedese da parroquia do mesmo nome situada nas beiras da Ría de Ferrol. Reforza esa posibilidade o feito contrastado das propiedades que posuía en Barallobre (Fene), ao igual que en boa parte de Ferrolterra, o conde de Traba e a súa familia.
Andrés Barallobre chega a ser cabaleiro de D.Sancho Sanches de Ulloa, conde de Monterrei. Participa nas xuntanzas dos nobres galegos que se opoñen ao proceso de centralización imposto polos Reis Católicos a finais do século XV. Cando as tropas de Isabel e Fernando cercan ao mariscal Pardo de Cela nas terras de Mondoñedo, Andrés Barallobre acude na súa axuda cun grupo de cabaleiros. Escapa do axustizamento de Pedro Pardo o 17 de decembro de 1483 en Mondoñedo. En represalia as tropas casteláns derruban a súa casa forte de Friol. El refúxiase no Pazo de Golmar en Sobrado dos Monxes, e na súa fachada coloca o brasón dos Barallobre, incluíndo nel a aguia símbolo dos Pardo de Cela. En setembro de 1486 entrevístase cos Reis Católicos en Melide expoñéndolles os razoamentos dos nobres galegos en contra da centralización.
Morreu o 27 de maio de 1536 no Pazo de Golmar en Roade, Sobrado dos Monxes.

 Obras realizadas

Segundo o historiador Ramón Villares, “a derrota da nobreza (de 1483) provoca un cambio importante na conformación da sociedade galega no tránsito á Idade Moderna. O reformismo dos Reis Católicos tradúcese na aparición de novos ámbitos administrativos, as provincias e novas institucións de goberno, tales como o Capitán Xeneral, a Audiencia ou a Xunta do Reino, no seo dunha monarquía progresivamente centralizada”.