Estudou Dereito na Universidade de Santiago e logo trasladouse a Madrid para facer un posgrao na Escola de Práctica Xurídica, compatibilizándolo co xornalismo, especialmente no xénero da reportaxe e a entrevista, tendo entrevistado daquela a Wenceslao Fernández Flórez, José Tamayo, Francisco Rabal, Aurora Bautista, Castro Gil e outras personalidades do mundo da cultura, para diversos xornais de Galicia e de Madrid.
Retornado a Vigo e tras dous anos de exercicio da avogacía dedicouse totalmente ao xornalismo colaborando en “El Pueblo Gallego”, “Faro de Vigo”, “La Noche” de Santiago de Compostela e a recén nacida emisora “La Voz de Vigo”. Posteriormente trasladouse a León como redactor xefe da emisora “La Voz de León” e aos poucos meses foi nomeado director da emisora “La Voz de Extremadura en Cáceres” desde onde ao cabo dun ano pasou a dirixir a emisora “La Voz de Guipúzcoa” en San Sebastián.
Estudou na Universidade de Navarra a diplomatura en xornalismo e cando se creou a carreira universitaria superior, licenciouse en Ciencias da Información. Sin saír de San Sebastián pasou primeiro ao diario vespertino “Unidad”, onde foi xefe das seccións de cultura e de deportes e logo ao matutino “La Voz de España” como redactor-xefe. Tamén foi colaborador asiduo do diario do Festival Internacional de Cine de San Sebastián.
En 1978 ingresou na Axencia EFE que o trasladou como subdelegado a Bélxica con xurisdicción no Benelux e posteriormente foi delegado en Uruguai, Chile e Galicia. Os últimos anos da súa carreira activa pasounos como director do diario coruñés “El ideal Gallego”.
Ademais foi enviado especial á India, Guerra das Malvinas e dentro de deportes como acompañante da Real Sociedade de Fútbol nos seus desprazamentos e voltas ciclistas e campionatos do mundo, tamén de ciclismo.
Ten publicados os libros “Cuatro pasos por la India”, “El hijo del emigrante” e “La otra medicina en Galicia” en castelán e “Laxeiro, Colmeiro e Torres, tres pintores de Pontevedra” e “Algo máis que un café: O Derby de Vigo” en galego e no prelo “Famosos a mi alrededor”, un libro de semblanzas de cen personalidades destacadas entre os seus miles de entrevistas, entre outras José Mojica, Sophia Loren, Cary Grant, Ainoa Arteta, Shalman Rusdie, Larry Collins, Dominique Lapierre, Vargas Llosa, Mario Benedetti, Torrente Ballester, Plácido Domingo, Camilo José Cela...