Alberto Avendaño, é escritor e xornalista cunha carreira profesional en dous mundos (en Galicia, na TVG, e en Estados Unidos en The Washington Post), e en tres idiomas (galego, español e inglés). Con Antón Reixa e Manuel M. Romón forma parte do Grupo de Comunicación Poética Rompente (1976-1983), vangarda literaria durante a transición democrática española. En Rompente fai colaboracións artísticas con Menchu Lamas e Antón Patiño, así como cos músicos Enrique X. Macías e Julián Hernández (Siniestro Total). Traballou para a RTVG e o CDG, antes de emigrar a Estados Unidos durante 30 anos. En Estados Unidos a súa obra recóllese en publicacións da Academia Norteamericana de la Lengua Española, da que é membro. O seu libro El Amor de tu Nombre -poemas de dios, de diosas y de adioses recibió el premio nacional de poesía, International Latino Book Award (Los Angeles, 2016) e foi finalista do premio poético Juan Felipe Herrera (Los Angeles, 2021). De regreso a Galicia, Avendaño volve a Rompente cos poemarios Que hostia din os rumororosos? (2021) e CAOSMOS (2022) con Antón Patiño. A súa novela máis recente é Maasai (Galaxia, 2022). Autor de literatura infantil (dous Premios Barco de Vapor), teatro e tradutor ao galego de clásicos da literatura en inglés, Avendaño ten recibido os recoñecementos máis importantes da prensa hispana de Estados Unidos, así como tres Premios Emmy™ da Academia da TV estadounidense.