Alberte Suras


Categoría: Escritor
Data de Nacemento: 16 de xullo de 1956
Lugar de Nacemento: Montevideo (Uruguai)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Alberto Suárez Figueiras é fillo de emigrantes galegos da bisbarra de Bergantiños (Ponteceso e Malpica), realizou estudos de Ciencias Químicas e Informática en Santiago, Madrid e A Coruña. É escritor membro da AELG dende 1992, profesor numerario de Sistemas Informáticos (1988) e programador numerario de Aplicacións Informáticas do Centro de Cálculo da Deputación Provincial da Coruña  (1982). Dende o ano 2000 desenvolve o seu labor docente no Departamento de Informática na Escola de Mestría Industrial - IES Fernando Wirtz da Coruña. Posúe o carné profesional da Radio (1976).

Na súa etapa en Madrid comparte micrófono con Antonio Bravo (Cadena Ser, 1977) e tamén  participa, cun pequeno papel, na rodaxe da película Clímax (1977), dirixida por Francisco Lara Polop baixo unha fermosa música de Vainica Doble. Na cidade de Lope  de Vega comparte amizade e reunións literarias con Xosé Manuel Pereiro (longas conversas sobre a nosa lingua fóra de Galicia, a poesía, o xornalismo...) e o poeta andaluz Juan Afán Muñoz.  Na  Coruña  tamén  fai  radio, un  programa  seu (Voo Musical, 1979) tiña unha sección dedicada á música galega (Benedicto, Bibiano, Miro Casabella...). Así mesmo é impulsor de proxectos culturais e poéticos na Web.

Traballou no deseño e implementación da informatización da Biblioteca Provincial da Deputación Provincial da Coruña (1984-1987) en colaboración cos profesores José María García Rubio e Tomás Jiménez García da Universidade de Murcia, onde dirixen a Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións Aplicadas (ATICA). Na súa estadía docente na cidade de Lugo (1989-2000) comparte amizade e reunións literarias cos escritores Manuel Celso Matalobos, Darío Xohán Cabana, Lois Diéguez e Manuel María, ao que sempre admirou e do que se considera discípulo. Na Cidade de Cristal comparte amizade literaria con Felipe Senén, Henrique Rabuñal, Xabier P. Docampo e Luisa Villalta. Ten participado en numerosas conferencias e recitais poéticos, destacando: Recital homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (R.R. Artesanos - A Coruña, 1992) e Recital homenaxe a Eduardo Pondal 75 Cabodano (Ponteceso, 1992). Colabora en diversos xornais e revistas (A Nosa Terra, O Progreso, Latricadas, A Jillotina...).

 Obras realizadas

É autor de Latexos do vento (1992), A Coruña á luz das letras (2008, obra colectiva), Olladas dun intre de amor (2009) e Vivir un soño repetido (2011, colectiva).

Tamén escribiu  os  poemas  Man  ergueita  sobre  meixela  dourada  (2008) e hABIa  vinte e tres xeitos de dicir o teu nome (2011). Como dramaturgo é autor de Vaiche boa lúa polo carreiro da illa (2010). Tamén é autor das unidades didácticas virtuais aplicadas ao ensino Contos e flores (2008) e A roseira dunha pega rabilonga (2008). Traballa na recuperación de expresións e palabras da bisbarra de Bergantiños dentro do proxecto  ‘Palabras con Memoria’ da AELG.

 Outros datos de interese

Alberte Suras foi galardoado co Premio de Poesía Concello de  Malpica (1980), Premio Nacional Webescolas-Iespana (2001) e foi finalista do Premio Poesía Illas Sisargas (2007).