Formoso estudou o bacharelato entre Vigo e o Liceo Gustavo Herrera de Caracas, cidade na que fixou a súa residencia en 1965. En 1970 colaborou no LP Galicia Canta, disco gravado en Caracas no que tamén interviñeron outros músicos galegos. O disco considérase peza clave dentro do movemento Voces Ceibes que se desenvolveu na península ibérica nos últimos anos da ditadura franquista. Ao ano seguinte editou o seu primeiro álbum en solitario con Polydor.
Trala fundación do grupo de teatro Rajatabla en 1971, Formoso compuxo a música da obra “Tu país está feliz”, baseado no texto poético de Antonio Miranda. A obra foi dirixida por Carlos Giménez e foi un éxito en Venezuela e outros países de Latino América. En 1972 compuxo a música de Venezuela Tuya (gañadora do Premio de Teatro Juana Sujo), escrita por Luis Britto García e tamén dirixida por Giménez. Ese mesmo ano Formoso gravou o seu terceiro disco, que incluíu letras de Farruco Sesto, e interveu en recitais en varios países de América incluíndo a República Dominicana. O goberno de Joaquín Balaguer posteriormente prohibiu a entrada de Martín a ese país debido á carga política dos recitais.
En 1973 compuxo música para diferentes programas de radio e televisión de Venezuela e gravou o LP Chipi Manahuac, produto das súas observacións en Perú, Bolivia, Ecuador e Chile. O disco, de influencias incaicas, incluíu poemas de Celso Emilio Ferreiro. Ese ano tamén compuxo a música da obra Jesucristo astronauta, que como “Tu país está feliz”, baseouse en textos do poeta brasileño Antonio Miranda. A obra presentouse en Venezuela e México, onde foi criticada polo seu contido relixioso. Esta peza, así como a obra “La valija”, na que actuou a actriz venezolana América Alonso, foron ignoradas polo público.
Durante o resto dos anos 1970, Formoso gravou unha serie de discos antes de desaparecer abruptamente do medio en 1978. En 1974 editou o álbum “La canción que va conmigo”, título dun poema de Celso Emilio Ferreiro, que figura con varias letras no disco. Tamén se presentou en “El Show de Renny”, onde interpretou algunhas das súas cancións máis politizadas no que foron as súas últimas presentacións na TV comercial de Venezuela. Ese ano tamén interveu activamente na campaña política do Partido Socialista Venezolano e participou en numerosos actos e mitins. Durante 1976 gravou o LP “Guillén el del son entero” (onde experimentou con ritmos afrocaribeños), compuxo a música e actuou na obra “El séptimo ángel” de Ernesto Cardenal, e realizou un programa especial de televisión baseado no libro de poemas “Longa noite de pedra” de Celso Emilio Ferreiro.
En 1977 Formoso editou o álbum “Levántate, Rosalía”, que foi dedicado á obra poética de Aquiles Nazoa e no que experimentou con ritmos e instrumentos típicos venezolanos. Ese mesmo ano gravou “Soles y centauros”, álbum conceptual sobre a conquista de México por Hernán Cortés e compuxo a música para “El círculo de tiza”, de Brecht, obra na que actuou como narrador e cantor. En 1978 Formoso gravou o LP “Amantes de ningún lugar” en colaboración co poeta galego Farruco Sesto. Este disco foi inspirado pola fundación do partido político La Causa R ese mesmo ano. Durante os anos 1980 e 1990, a actividade musical de Formoso mermou tras dedicarse a estudar enxeñaría na Universidade Santa María, Sistemas na Universidade de Texas en San Antonio, EE.UU., e a facer carreira profesional na empresa privada.
En 2002 regresou á música co CD dobre en vivo no J.B. Plaza. En 2004 realiza a peza sinfónica "Cantata a Bolívar" baseada no poema homónimo de Pablo Neruda. O 7 de xuño de 2007, e a pesar de ter criticado publicamente ao goberno de Hugo Chávez Frías, foi designado polo goberno de Venezuela como Presidente da Fundación Centro Nacional do Disco (CENDIS). Un dos primeiros discos gravados por esta institución foi “Anda suelto el animal” (2008), produto da colaboración entre Formoso e Farruco Sesto.
Ademais de músico, Formoso tamén é colaborador de publicacións periódicas en Venezuela e entre o 3 de outubro e o 5 de novembro de 2008, realizou unha mostra individual como artista plástico titulada “Objetos Dispersos” na Galería Caracas da Fundación Red de Arte do Ministerio de Cultura.
DISCOGRAFÍA PARCIAL
1970. “Galicia Canta”. Pobovox.
1971. “Xulio Formoso”. Souvenir LP-1383.
1971. “Tu país está feliz”. Palacio.
1973. “Chipi Manahuac”. London LPLS-77947.
1973. “Jesucristo Astronauta”. Palacio LPS-2064.
1974. “La canción que va conmigo”. London LPS-88169.
1975. “Guillén el del son entero”. Polydor 30164.
1976. “Levántate Rosalía”. London LPS-002.
1977. “Fuego y poesía”. Polydor-8254512.
1977. “Soles y centauros”. London LPS-001.
1978. “Amantes de ningún lugar”. Agua Mansa LPS 001.
1978. “Primeras canciones”. Polydor 632416-3.
2002. “En el J.B.”. Plaza. Independiente.
2004. “Cantata a Bolívar”. Vicepresidencia de la República Bolivariana de Venezuela.
2008. “Anda suelto el animal” (Box). Cendis.
2008. “Anda suelto el animal” (selección). Cendis