Xulio Cougil Vázquez


Categoría: Profesor
Data de Nacemento: 23 de marzo de 1948
Lugar de Nacemento: Cortegada de Baños (Ourense)
 Currículum

Títulos académicos: Maxisterio (As Palmas de Gran Canaria, 1969), Profesor de Lingua Portuguesa (Universidade de Coimbra, 1986), Licenciatura en Filoloxía Románica (Universidade de Barcelona, 1988), Profesor de Lingua Galega (Consellería de Educación, Santiago, 1988), Profesor Tec. Stgpor. de Base (Secr. Gral. Del Esport, Barcelona, 1989), Profesor de Educación Física (Universidade de Barcelona, Escola Normal SANS, 1989). Desde o ano 1978, ven desempeñando diversos postos docentes e cargos nos colexios "Pío XII" (Cornellá) e "Montserratina" (Viladecans), así como no Instituto de Educación Secundaria "J. Mestres I Busquets". É socio e cofundador da asociación cultural galega Saudade en Barcelona e desde 1981 é o secretario. Colaborou e colabora na dirección, redacción e coordinación de diversas revistas na comunidade catalana tales como "Lúa Nova" da asociación cultural galega Rosalía de Castro, "Empresa y Sociedad, S.A.", "LA", órgano de difusión da asociación Fundala, "Xurdimento" e "Revista del Centro Gallego NS".

 Obras realizadas

Ademais de ter asistido a múltiples seminarios, cursos, congresos e conferencias, levou a cabo outro tipo de actividades como a organización dun grupo de teatro afeccionados na asociación cultural galega Saudade, coa posta en escena de tres obras en galego. Nesta mesma asociación impartiu clases de solfexo e galego. Colaborou na inauguración do colexio "Hermanos Amat Targa" e organizou un grupo de teatro escolar durante o curso 1983/84. Coordinou e colaborou nas 24 horas de futbito Montserratina e Cross Montserratina, fomentando a participación dos alumnos e xuventude do entorno. En 1984, e co financiamento da "Caixa de Terrasa", colaborou para as Colonias cos alumnos do colexio público "Montserratina" en Matadepera. Recibiu o "voto de gracias" da Inspección de Educación polo exercicio de funcións directivas no curso 1984/85. En 1988, colaborou no intercambio cultural entre os alumnos do colexio público "Montserratina" e a "Escola Patricio Prazeres" de Lisboa (Portugal). Durante o curso 1989/90 foi o adestrador do equipo de baloncesto masculino benxamín do colexio público "Montserratina".

 Outros datos de interese

Dirixe e presenta dous programas de radio en galego titulados "Galegos no Baix" e "Saudade" e colabora cos grupos de teatro "Anduriña" (da asociación cultural "Rosalía de Castro" de Cornellá) e "Zarabanda" (de O Penedo, Fogar Galego, de Barcelona). Julio Cougil tamén é impulsor e colaborador do Premio de Poesía en lingua galega "Rosalía de Castro" de Cornellá, no que é secretario desde hai mais de dez anos, axudando á realización e publicación do primeiro libro-recolección dos dez primeiros premios entregados.