Xosé Luís Otero Cebral


Pseudónimo:Fonte de Cervos
Categoría: Escritor
Data de Nacemento: 28 de xaneiro de 1957
Lugar de Nacemento: Vilouriz, Toques (A Coruña)

Opinión
 Currículum

No 1990 recolleu a tradición oral de Bergantiños e da Ulloa realizando vídeos histórico-etnográficos. Os seus artigos figuran na Voz de Galicia (Bergantiños), El Progreso e outros xornais, e nas revistas Benvido San Xoán, San Xoán e Pomba Dourada de Carballo, no mentireiro verdadeiro, Palacio do Rei, Palas, Galicia en Madrid e Lúa Nova. Participou en recitais como o das 24 horas de Poesía na Coruña, conferencias, presentación de libros e programas radiofónicos e televisivos. Formou parte do consello de redacción de A Forxa e foi membro da Fundación Fillos/as de Cabana en 1999 a proposta do pleno da Corporación de Cabana de Bergantiños. Ten varios traballos inéditos de etnografía e do de Fontes e santuarios de Cabana tomou un sen fin de referencias X. M. Varela cando escribiu a guía de Cabana de Bergantiños.

 Obras realizadas

En Poemas sen tempo (1993) reflicte o costumismo. En O carro en Galicia (1994) elixe o trebello que mellor testemuña a Galicia histórica, social, colectiva e etnográfica. En Os sons da alba (1996) alude ó individuo neses seus valores de liberdade, paz e unión. En Oleiros, o paraíso descuberto (1997) xunto con Casal leva a cabo unha descrición paisaxística sobre este lugar. En Poemas para a Ulloa (1998) realiza unha película literario-visual polas herdanzas, a historia e as transmisións dunha bisbarra. En 1999 participou na edición do libro sobre o pintor naif Manuel Lema Otero.

 Outros datos de interese

Coordinou labores escolares premiados polo Museo de Pontevedra e programas de Radio Escolar da Consellería de Educación. Foi finalista da II Edición dos premios "Irmandade do Libro" en 1992 e do "Otero Pedrayo" en 1993. Gañou o certame "Vir Fluvius" en 1995 e o "IAR" de folclore en 1994 e 1996 e o "Vila de Vilalba" de xornalismo en 1998. Conseguiu o primeiro premio da sexta edición do Certame Poético "Xohán de Requeixo" pola súa obra Os Valados da Alma. Conseguiu o premio de xornalismo no Certame "José Domínguez Guizán" (Begonte, 2002) co seu traballo Auga que move os batáns.