Xavier Seoane


Categoría: Profesor e escritor
Data de Nacemento: 11 de xaneiro de 1954
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Estudiou Filoloxía Románica en Compostela e hoxe é profesor de Lingua e Literatura en A Coruña. Desde 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural, tanto en prensa e revistas, como conferenciante. Nas décadas dos setenta e oitenta participou nas actividades dos grupos "A Carón" e "Galga". Ten colaborado, entre outras, en publicacións como Teima, Man común, Grial, Nordés, Agalia, Luzes de Galiza, Gran Enciclopedia Gallega, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, El ideal Gallego, El Correo Gallego...

 Obras realizadas

En colaboración con Raúl Reguera publicou o libro Poesía experimental (1978). O seu primeiro poemario individual foi Os bosques encendidos (1981). Logo editaría A caluga do paxaro (1979), Presencias (1985), Iniciación e regreso (1985) co que recibiu o premio "Cidade da Coruña" en 1982, O Canto da Terra (1987), Regreso e Advenimento (1990), Eu tamén oín as voces do orvallo (1994) e Umbral de Vida (1996), premio "Esquío" de poesía. En colaboración con Manuel Rivas, publicou o cartafol de poemas Anisia e outras sombras (1981). Colaborou nas antoloxías poéticas De Amor e Desamor I (1984) e De Amor e Desamor II (1985). Editou un libro de reflexións e aforismos titulado Arca cotidiana / Irispaxaros (1984). O gravador Manuel Facal realizou a carpeta de gravados ?As quatro estacións?, sobre poemas de Seoane, e o libro de artista Irispaxaros, sobre aforismos do autor. É un dos fundadores e animadores da revista "Luzes de Galiza". Ten traballado en proxectos de vídeo: "O pintor Luís Seoane", "Luís Seoane, escritor" e "Arquitectura galega actual". Participou na organización de exposicións relacionadas co mundo das artes ("Leopoldo Nóvoa", "Mundos", "Figuraciós", "Isaac Díaz Pardo", "O cómic galego", "Luís Seoane e o libro galego na Arxentina", "Urbe, Natura, Cosmos") e colaborou con textos sobre arte en catálogos de exposicións e libros colectivos. Ultimamente, coordinou o libro de conferencias A cultura e a creatividade galegas cara o ano 2000. En 1989 publicou, en colaboración con Lino Braxe, a escolma de textos radiofónicos de Luís Seoane, Galicia Emigrante. Tamén en colaboración con Lino Braxe editou o volume de colaboracións radiofónicas de Álvaro Cunqueiro A máxia da palabra (1991), o volume "Luís Seoane e o cine (1994), Luís Seoane e o teatro (1996) e Luís Seoane: Textos sobre arte (1997). En 1990 saíu á luz o seu libro Identidade e convulsión: Palabra e imaxe da nova arte galega e, en 1994, Reto ou rendición, análise dos presupostos teóricos e creativos da arte galega contemporánea. Recentemente publicou o ensaio A voz dun tempo. Luís Seoane: o criador total (1994). Con Antón Patiño publicou o manifesto Hai suficiente infinito (1999). Ten realizado exposicións de poesía visual e experimental en A Coruña, Compostela e no Estado Español, e participado en mostras de mail art. Foi seleccionado en diversas antoloxías de poesía galega actual: Escolma da poesía galega, 1976-1984 (Sotelo Blanco, 1984), Desde a palabra, doce voces (Sotelo blanco, 1986), Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria (O Castro, 1988), Poesía Gallega de Hoy (Visor, 1990), Fin de un milenio (Libertarias, 1991), 50 anos de poesía galega (Penta, 1994), Poesía gallega actual (Litoral, 1996) e Antología de poesía galega (Universidade de Campinas, Brasil, 1996).