A este sacerdote da nosa diocese debemos presentalo tamén con esa segunda vocación: foi “músico da nosa terra”. Soubo descubrir a “alma de Galicia no seu canto”.
Xavier Méndez naceu no seo dunha familia de grande afección musical, ben acreditada polo seu tío e mentor D. Manuel Pérez Fanego.
Realizou os estudios eclesiásticos en Mondoñedo e na Universidade de Comillas, onde foi discípulo do P. Prieto, músico de sona internacional.
Ordenado sacerdote en 1963, prestou os seus primeiros servizos nas parroquias rurais de Cabanas (Viveiro). Volveu logo á súa cidade ferrolana, onde desenvolveu unha intensa actividade nas Parroquias de Nosa Sra. do Carme e San Xiao, tratando de aproveitar especialmente as súas capacidades na pastoral da catequese e da liturxia..
Froito dese tempo son os seus “Salmos pra nosa terra” (1971), que supuxeron unha notable promoción da lingua galega na liturxia, cun repertorio de salmos bíblicos que levan na letra e na música os aires da nosa terra. Foi tamén o autor do canto “Xurdirá”, que serviu como himno propio do Concilio Pastoral de Galicia, e da música composta para a “Misa do Pobo de Deus”, publicada e gravada por diversas editoriais..
En 1978 marchou a Madrid para completar os seus estudios musicais. Alí entrou en contacto co Secretariado Nacional de Liturgia, formando parte do seu equipo musical, e publicando novas cancións e partituras, que foron arriquecendo o seu xa nutrido repertorio.
Finalmente en 1982 volveu novamente a Galicia, e foi designado Mestre de Capela da Catedral Basílica de Santiago. Alí tratou de mellorar a Escolanía da Catedral e de compoñer un notable número de partituras para as diversas solemnidades que alí se celebraban. Destacou especialmente a súa actuación na Festa do Apóstolo Santiago en 1983, na que foi felicitado persoalmente polos Reis de España.
O “Requiem galego” que Xavier compuxera en 1982 pode servirlle como epitafio na súa morte:
“Acollidos no fogar do Pai, louvaremos decote ó Señor;
cantarémoslle cantigas novas, envoltos na luz e no amor”.
A obra musical de Xavier é moi nutrida, tendo en conta os escasos anos da súa vida. E case toda ela ten caracter relixioso, aínda que lle gustara tamén figurar como autor do himno do Club de Futbol “Racing” de Ferrol.
Sen dúbida a súa obra máis difundida son os “Salmos pra nosa terra”, que foron gravados nunha edición discográfica de calidade, e que interpretamos moitas veces nas nosas celebracións. Tamén a “Misa do Pobo de Deus” e a colección de himnos do Breviario “In himnis et canticis” , publicados no “Cancionero Litúrgico Nacional”, lle serven de memoria agradecida, facendo que cantemos con el e coma el as loanzas do noso Deus.
Xavier dicía nunha entrevista: “Non quero que me chamen renovador, senón que me chamen traballador”. Pero el foi as dúas cousas, condensando os aires da nosa terra co espírito da Biblia e da Liturxia. “As horas de traballo empregadas na realización destas obras quedarán amplamente compensadas pola satisfacción de ter prestado un bo servizo ao Pobo de Deus en Galicia”.
Texto: Uxío García Amor