Teresa Táboas Veleiro


Categoría: Arquitecta
Data de Nacemento: En 1961
Lugar de Nacemento: Cidade de México

Opinión
 Currículum

Arquitecta pola Universidade Nacional Autónoma da Cidade de México, durante os seus anos en México traba unha gran amizade co arquitecto mexicano Luis Barragán (Premio Pritzker de Arquitectura). Doutora en Arquitectura pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña coa tese de doutoramento, dirixida polo arquitecto César Portela Fernández-Jardón, titulada “El Color en Arquitectura”, obtendo a cualificación de Sobresaliente “Cum Laude”. Durante seis anos colaborou no estudio de César Portela Fernández-Jardòn (Premio Nacional de Arquitectura en España). Traballou como arquitecta municipal no Concello de Marín durante dous anos e en 1990 fundou “Teresa Táboas Estudio de Arquitectura S.L.”, que desenvolveu numerosos proxectos de Edificación e Urbanismo. Desempeñou varios cargos directivos: presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Pontevedra (1999-2003), membro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, decana-presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, conselleira do CSCAE (Consello Superior dos Arquitectos Españois), representante do Consello Superior de Arquitectos de España ante o CAE (Consello de Arquitectos Europeos con sede en Bruxelas) nas seguintes comisións de apoio ó Parlamento Europeo: “Taskforce for Urban Issues” e “Taskforce for Enviorment and Sustenaible Architecture”. De 2005 a 2009 foi Conselleira de Vivenda da Xunta de Galicia.

 Obras realizadas

Publicou os seguintes libros: El Color en Arquitectura (Edicións do Castro, 1991) e Emigración y Arquitectura (Deputación Provincial de Pontevedra, 1999). Ademais, colabora habitualmente con artigos en revistas especializadas e prensa.

 Outros datos de interese

Impartiu relatorios en diversas institucións e Universidades entre as que destaca o Seminario sobre “Arquitectura Iberoamericana” celebrado en Sevilla con motivo do 5º Centenario do Descubrimento de América, Seminario sobre “El Color en Arquitectura” no Instituto Tecnolóxico de Galicia, Escola de Arquitectura de San Sebastián “La Arquitectura de Luis Barragán” , Escola de Arquitectura Universidade Anáhuac (México), VI Congreso Mundial do Color (1.989) organizado pola Sociedade Mundial do Color integrada por científicos dedicados ó estudio do Color, cun relatorio titulado “The Colour in Architecture”, “Bordes de Cascos Históricos” (Universidade Internacional Menéndez Pelayo 1999) e “Seminario y Naturaleza” (Universidade Internacional Menéndez Pelayo 2002). Da súa participación en diferentes concursos, conseguiu o 1º Premio Centro de Acuicultura na Illa de Arousa (Pontevedra), 1º Premio no concurso para a reforma da Praza de Barcelos (Pontevedra), 1º Premio no concurso para a ampliación do parque do Liceo Casino de Pontevedra , 2º Premio no concurso para a Biblioteca de Ciencias Sociais do campus de Santiago, 1º Premio no concurso para 27 V.P.O. en Pereiro de Aguiar (Ourense), 1º Premio no concurso para centro comercial en Pereiro de Aguiar (Ourense), 2º Premio na Gardería en Pereiro de Aguiar (Ourense). Ademais, foi invitada como xurado a numerosos concursos de arquitectura e foi membro do xurado que outorga o Premio Nacional de Arquitectura en España na súa convocatoria do ano 2003.