Foi a figura máis coñecida e carismática de todos os directores cos que contou a Banda de Sober na súa longa historia. O mestre Tadeo foi, sen dubida, das persoas máis activas no fomento da cultura e un autentico valedor da potenciación da música popular e culta no Val de Lemos.
Tadeo Guitian morreu con 78 anos cando aínda era profesor da Escola de Música de Sober que fundara en 1975 xunto con José Ramón López Álvarez “O Cuñas”. Precisamente esa Escola de Música foi pioneira en Galicia e froito dela son a actual Escola Municipal de Música de Sober e a Banda de Música de Sober, ámbalas dúas cheas de saúde.
Tadeo Guitian Álvarez, avivou durante a súa vida as inquedanzas musicais de mozos e menos mozos interesados no mundo musical, en moitos momentos con máis ilusión ca medios materiais e sempre entregado a un labor paciente e calada. No ano 1980 foille tributado unha homenaxe en Santiago de Compostela por ser o director en activo máis veterano de Galicia e en 1984 cando Tadeo e José Ramón López “O Cuñas” decidiron deixar a dirección da Banda de Sober, o propio pobo de Sober e a comarca de Lemos en xeral fixéronlles unha homenaxe á que se sumaron máis de 300 persoas.
Iniciouse na musica aos 9 anos na Banda de Sober que por aquela época dirixía Camilo Pérez “O Matela”. Co paso do tempo ingresou na Banda de Música de Infantería Isabel La Católica, número 29 con sede na Coruña, na que permaneceu 4 anos, chegando a ser trompeta solista. Dirixiu a banda do seu pobo o regreso da vida militar, aínda que a deixou para facerse cargo dun café que rexentou coa súa dona na vila de Sober. Nos anos sesenta e cando no concello de Sober so quedaba con vida unha das tres bandas de musica que chegaron a convivir, a de Santa Cruz de Brosmos, fíxose cargo da dirección desta agrupación substituíndo a Sergio Rodríguez. Con Tadeo Guitian incorporáronse varios ex-compoñentes da desaparecida banda de Sober á de Santa Cruz e a supervivencia da única agrupación musical do concello quedou asegurada.
Todo mudou en 1975 cando regresou de Madrid xubilado José Ramón López “O Cuñas”, este con Tadeo e axudados de Heriberto Pérez e Dositeo Guitian, formaron a base da actual Escola Municipal de Música que en 1976 deu os seus primeiros músicos e que ano a ano segue producindo novos educandos que se incorporan á prestixiosa banda de Sober.
Foi tamén durante unha década Xuíz de Paz de Sober.