Alberto Lancina Martín


Categoría: Médico Urólogo
Data de Nacemento: 29 de xullo de 1955
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Realizou os estudos de bacharelato nos institutos Salvador de Madariaga e Agra do Orzán da Coruña (1966-1973). Licenciouse en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela (1973-1979), obtendo a graduación con sobresaliente. Doutor en Medicina pola Universidade da Coruña (2000), acadando a cualificación de sobresaliente cum laude coa súa tese doutoral. Foi Médico Interno Residente (MIR) de Uroloxía no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (1980-1984). Profesor colaborador da Facultade de Medicina de Sevilla (1987-1990) e da de Santiago de Compostela (2011-2020).

Exerceu como Médico Adxunto de Uroloxía no Hospital do Bierzo, en Ponferrada (1985). Mediante concurso-oposición nacional obtivo praza co número un de Facultativo de Uroloxía no Hospital Universitario de Valme, en Sevilla (1986-1990). Nun novo concurso-oposición acadou tamén o número un para a praza de Facultativo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que desempeñou de maneira ininterrompida entre 1991 e 2025. Neste centro foi responsable da Unidade de Litiase e Litotricia Renal (1997-2025) e formou parte do equipo de Transplante Renal (1991-2025). Realizou estadías de formación no Hospital Miguel Servet de Zaragoza, Hospital Carlos Haya de Málaga, Clinique Saint Jean Languedoc de Toulouse, Clinique Saint-Augustin de Burdeos e Royal Hallamshire Hospital de Sheffield.

 Obras realizadas

Foi relator en máis de 90 eventos científicos. Presentou máis de 400 comunicacións en reunións científicas. Desenvolveu máis de 20 proxectos de investigación. Publicou máis de 70 artigos en revistas médicas. É autor ou coautor de máis de 20 libros de temática médica, entre os que destacan Criterios clínicos y tratamiento actual de la litiasis urinaria (1990), Litogénesis urinaria de origen metabólico (2002), Enfermedades sistémicas y litiasis urinaria (2004), Clínica y diagnóstico de la litiasis urinaria (2006) e Tratamiento médico de la litiasis urinaria (2019).

Interesado na Historia da Medicina, publicou artigos e foi autor de varios libros relacionados con esta materia, destacando Notas históricas de la Urología en Galicia (2005) e La aventura de la Anestesia. Sus comienzos en el mundo y en España (2017). Recibiu máis de dez premios por diferentes méritos científicos.

 Outros datos de interese

Fellow do Education Committee of the European Board of Urology (1992).
Director de Instalacións de Radiodiagnóstico Médico polo Consello de Seguridade Nuclear (2001).
Experto en Biomedicina pola ANEP do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España (2009-2016).
Avaliador Científico en Biomedicina polo CSIC do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do Goberno de España (2011-2015).
Membro do Comité Editorial das revistas Actas Urológicas Españolas, Archivos Españoles de Urología e Actualidad Médica.
Membro da Société Internationale d'Urologie, da Confederación Americana de Urología, da European Association of Urology, da Asociación Española de Urología e da Sociedade Galega de Uroloxía.
Coordinador Nacional do Grupo de Urolitiase da Asociación Española de Uroloxía (2000-2004).
Vogal na Xunta Directiva da Sociedade Galega de Uroloxía (1996-2007).