Sonia Rodríguez-Campos é profesora titular de Dereito Administrativo no campus de Ourense da Universidade de Vigo. Licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, é máster en Dirección e Administración de Empresas pola Universidade de Gales e doutora en Dereito coa cualificación de sobresaliente cum laude pola súa tese sobre o réxime xurídico da calidade industrial.
Conta cunha ampla traxectoria como xurista e docente, que inclúe tres monografías en materia de ordenación económica e máis de vinte artigos en revistas xurídicas, nos cales abordou cuestións como a xustiza administrativa, o dereito da competencia, a defensa ambiental e do patrimonio histórico, a ordenación urbanística ou as políticas públicas europeas.
Rodríguez-Campos tamén foi investigadora en facultades de Dereito como a Universidade París XII-Val de Marne ou La Sapienza, en Roma, e ten participado en distintos proxectos de investigación. Así mesmo, no seu currículo tamén figura ter colaborado na asesoría xurídica da Cámara da Propiedade Urbana de Vigo e ser vogal dos consellos de dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e da Academia Galega de Seguridade Pública.
É directora da Escola Galega de Administración Pública.