Antonio Piñeiro Feijoo


Data de Nacemento: 21 de diciembre de 1959
Lugar de Nacemento: Celanova (Ourense)

Opinión
 Currículum

Realizou estudios de Enxeñería Técnica na Universidade Laboral de Gijón e na Escola de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, que non rematou.
Funcionario do Concello de Celanova dende o ano 1987, actualmente ocupa a praza de Encargado de Asuntos Culturais, Xefe de Prensa e Protocolo.
Está colexiado no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia dende a súa fundación.
No ano 1985 foi co-partícipe da refundación do Patronato Curros Enríquez, do cal chegou a ser vicepresidente. Unha vez constituída a nova Fundación Curros Enríquez, é nomeado Secretario da xunta de goberno da Fundación, cargo que segue ocupando na actualidade.

 Obras realizadas

Formou parte do equipo redactor que fundou a revista “Onde o mundo se chama Celanova”, editada polo Centro Cultural Coelerni-Solpor.
No ano 1996 participou na fundación do “Seminario de Estudios Celanovenses”, no que exerceu como secretario, promovendo a restauración do Coro Alto da Igrexa do Mosteiro de San Salvador de Celanova e a fundación da revista Cachiquimbra.
Dende o ano 1985 ten colaborado en diversos medios de comunicación, mantendo unha relación diaria e case ininterrumpida co diario “La Región” de Ourense, no que desempeñou o labor de delegado das comarcas de Celanova e da Baixa Limia ata o ano 1998.
Dende 1993 escribe neste mesmo xornal unha columna semanal con artigos de opinión sobre a actualidade diaria do acontecer político, social e cultural da provincia de Ourense e de Galicia. Dende o ano 2000 esta columna pasou a ter periodicidade de dúas por semana (martes e sábados) baixo o epígrafe de “Ourensalia”.
Durante varios anos dedicouse á redacción de reportaxes sobre distintos aspectos sociais, culturais ou históricos, referidos sempre á xeografía provincial, con especial atención a todo canto ten que ver coas relacións transfronteirizas entre Galicia e o Norte de Portugal.
No eido do xornalismo acadou o premio de xornalismo da “Festa do Pulpo” do Carballiño no ano 1992 e o premio “Xosé Aurelio Carracedo” que concede a Deputación Provincial de Ourense, na edición de 1997.
No ano 1998 formou parte do equipo redactor do Plan de Acción e Fomento da actividade turística ourensá elaborado polo Padroado Provincial de Turismo de Ourense, encargándose de redactar o apartado referido á actividade cultural da provincia de Ourense.
Colaborador, entre outras, das revistas “Auria” e “Raigame”, ten publicado varios monográficos sobre aspectos da historia de Celanova, coma o libro “140 anos da Historia da Banda de música municipal de Celanova”, así como unha morea de reportaxes e artigos sobre moi diversos temas (cunha dedicación especial á historia) relacionados coa provincia de Ourense.
Redactor do guión e coordinador do vídeo-documental sobre Celanova, “Pedra e Poesía”.
Autor do relato “A casa da neve”, publicado no libro “Contos sen fronteiras”, na compaña de Luís García Mañá, Bento da Cruz e Antonio Lourenço Fontes, editado polo Eixo Atlántico (1999).
Autor do relato “O castigo silenciado”, publicado no libro “Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte” (Edicións do Castro 1999)
Autor do libro “Pepe Velo, pensador, soñador e mestre revolucionario” (Colección Crónica - Xerais 2000) que constitúe un estudo biográfico sobre o galeguista Xosé Velo Mosquera, ideólogo da trama da toma do barco portugués “Santa María”, liderado polo portugués Henrique Galvao.
En xaneiro do ano 2000 participa na fundación da Asociación de Amigos do Couto Mixto.
Dende o mes de agosto do ano 2000 exerce de director de edición da revista cultural “Auria”, que edita mensualmente o xornal “La Región” en colaboración con Caixanova, onde ten publicado multitude de reportaxes e entrevistas a persoeiros da cultura, das artes e das ciencias de Ourense.
Durante o ano 2000 foi coordinador do proxecto de recuperación do Órgano da igrexa do Mosteiro de San Salvador de Celanova.
No ano 2001 participa na publicación do libro da Serie Oro de Caixanova sobre o Mosteiro de Celanova, co traballo “El Monasterio de Celanova después de la Desamortización”.
Neste mesmo ano é nomeado secretario do Comité organizador do I Congreso Internacional sobre Curros Enríquez e o seu tempo.
Autor do traballo “Intrahistoria da Casa dos Poetas. Unha cronoloxía elemental para saber algo máis da casa dos Curros Enríquez e do Patronato que leva o nome do poeta” (Consello da Cultura Galega 2002).
É redactor do proxecto turístico-cultural “Celanova, un paseo pola historia de Galicia” que asenta a promoción turística de Celanova nun percorrido histórico que vai dende o mundo castrexo que representa o xacemento arqueolóxico de Castromao, ata o Rexurdimento, representado pola Casa dos Poetas.
Formou parte do equipo técnico redactor do proxecto “Lenmitos” (Lendas e mitos dos pobos galaico-trasmontanos) presentado conxuntamente á Unión Europea polos Concellos de Celanova, Xinzo de Limia, Chaves e Mirandela.
No ano 2003 foi coordinador dos actos conmemorativos do LXX aniversario do peche da prisión central de Celanova e da homenaxe que se organizou ós presos e ó pobo de Celanova con motivo desa efemérides.
No ano 2004, en representación da Fundación Curros Enríquez, foi elixido secretario da xunta de goberno da Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores de España para o período 2004-2006.
No período 2006-2007 formou parte do equipo de traballo que levou a cabo a programación dos actos culturais que tiveron lugar en Celanova durante o Ano Xubilar con motivo da conmemoración do Mil Cen Aniversario de San Rosendo.
Director e guionista do vídeo-documental “Celanova, un paseo pola historia de Galicia” (Ourense 2007)
Coordinador do estudo sobre a evolución arquitectónica do Mosteiro de Celanova dende a súa fundación ata os nosos días, e guionista do vídeo-documental en 3D “El monasterio de Celanova en cuatro tiempos” (Ourense 2007).
Coordinador do traballo e autor dos textos do libro “Celanova 1900-1981. Memoria fotográfica” (Deputación provincial de Ourense 2007).
Coautor, xunto con Miguel Ángel González, do libro “Celanova. Monasterio de San Salvador” (Editorial Edilesa 2007).
Coordinador do libro “Guía literaria de Celanova” e coautor, xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Benito Reza, Xosé Manuel del Caño e José María Paz Gago, do mesmo, co traballo “Celanova. Palabra de autor” (Fundación Curros Enríquez 2008).
Autor do libro “Xosé Velo Mosquera. Poeta e soñador, político e pensador, revolucionario e mestre”, que forma parte da colección “Galegos na Historia” (Editorial Ir Indo 2008).
Coordinador do programa cultural organizado durante o ano 2008 para conmemorar o I Centenario do pasamento de Manuel Curros Enríquez.
Periodicamente colabora nalgunhas tertulias en radio, así como nas de Tele Miño.
Autor do libro de relatos “Anónimos”, que recolle medio cento de relatos curtos elaborados a partir doutras tantas fotografías do “Rizo” (Editorial Duen de Bux. No prelo).

 Outros datos de interese

Académico numerario da Academia Auriense-Mindoniense de San Rosendo, constituída no mes de novembro de 2008.