Está titulado en Maxisterio e en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e en Psicopedagoxía pola da Coruña.
Profesionalmente dedicouse sempre ao ensino, en primaria e secundaria. Foi profesor no Colexio Apóstolo dos Xesuítas en Vigo e no ensino público. Actualmente está xubilado.
Dende os seus 25 anos estivo sempre ligado ao mundo do libro, formando parte da Editorial SEPT dende o ano 1976, onde publicou o libro "Conversas do Pai Seixas con Silvestre G. Xurxo" (1985) e, xunto con Xosé Mª Pin publicou en 2012, "O Novo Testamento para a xente nova".
Durante vinte anos dedicouse á elaboración de materiais didácticos en diversas editoriais e para diferentes áreas de coñecemento. Nese tempo, e compaxinando estas actividades co ensino, foi director durante trece anos da Escola de Formación Social de Vigo, entidade dedicada á animación sociocultural.
Tamén ven desenvolvendo a súa faceta de escritor de literatura infantil e xuvenil, tendo publicado os seguintes títulos: "Déixao medrar", "Ith", "Ti non xogas!", os tres na colección 'Merlín' de Edicións Xerais, e "Todo vai ir ben" e "De cristal" na colección 'Fóra de xogo' da mesma editora.
É padroeiro da Fundación Penzol, na que coordina o boletín de edición dixital Novas Penzol.