Senén Barro Ameneiro


Categoría: Catedrático en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial
Data de Nacemento: 21 de novembro de 1962
Lugar de Nacemento: As Pontes (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Obtivo os graos de licenciado e doutor (premio extraordinario) en Física pola USC. É Catedrático da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial dende 1995. Foi director do Departamento de Electrónica e Computación da USC dende 1993 ata xuño do 2002. É reitor da Universidade de Santiago de Compostela dende o 17 de xuño do 2002.
É investigador colaborador e investigador responsable de numerosos proxectos e contratos de investigación, internacionais (Unión Europea), nacionais (España) e autonómicos (Galicia). Fixo estadías de investigación no Royal Free Hospital, Department of Medical Informatics, en Londres, Reino Unido; Universidade de Maryland, Electrical Engineering Department, EUA; Universidade de South Florida, Department of Computer Science and Engineering, EUA; Universidade de California, en Berkeley, Department of Electrical Engineering and Computer Sciences, EUA; Universidade de Bristol, Department of Engineering Mathematics, Reino Unido.
Impartiu numerosas conferencias tanto en España como no estranxeiro e participou nun gran número de congresos nacionais e internacionais como membro de comités de organización e científicos: ‘International Workshop on Artificial Neural Networks’; ‘Congreso Español sobre Tecnologías y Lógica Fuzzy’; ‘Conferencia de la Asociación Española para la Inteligencia Artificial’; ‘International Conference on Industrial & Engineering Applications of Artificial Intelligence & Expert Systems’), participou tamén na presidencia de sesións científicas e na organización de sesións especiais. É revisor de traballos de investigación en múltiples revistas (IEEE Proceedings; IEEE Transactions on Biomedical Engineering; IEEE Transactions on Circuits and Systems; IEEE Transactions on Fuzzy Systems; IEEE Transactions on Information Technology in Biomedicine (Editor Asociado); IEEE Transactions on Neural Networks; IEEE Transactions on Nuclear Science; IEEE Transactions on Systems, Man, and Cybernetics; Journal of Intelligent and Fuzzy Systems; Fuzzy Sets and Systems; ...) e congresos nacionais e internacionais. É membro do comité editorial das revistas ‘Mathware & Soft-computing’, ‘Inteligencia Artificial’ e ‘Revista Galega de Economía’.
Foi organizador ou coorganizador de varios congresos, ciclos de conferencias e cursos de verán (cinco), destacando o ‘26th IEEE International Symposium on Multiple-Valued Logic’, celebrado en maio de 1996 en Santiago de Compostela e co-presidente da ‘International Conference on Artificial Neural Networks (ICANN 2002)’.

 Obras realizadas

Foi coeditor de cinco libros (‘Estudios de Lógica Borrosa y sus Aplicaciones’, ‘Computación Neuronal’, ‘Advances in Fuzzy Logic’, ‘Fuzzy Logic in Medicine’ e ‘Fronteras de la computación’), de dous números especiais de revistas científicas, e autor ou coautor de máis de duascentas publicacións en revistas, capítulos de libros, e artigos en congresos, a maioría das publicacións de carácter internacional. Dirixiu e codirixiu once teses de doutoramento.

 Outros datos de interese

Foi vocal da ‘Asociación Española para as Tecnologías y Lógica Fuzzy’ e da ‘European Society for Fuzzy Logic And Technology’ dende setembro de 1996 ata setembro de 1999 e presidente do Grupo de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da CRUE (Conferencia de Reitores de Universidades Españolas) entre 2003 e 2005. Desde xuño de 2005 é vogal da Comisión Permanente da CRUE.