Pedro González Pérez


Pseudónimo:Pedro Gallego
Categoría: Confesor de Alfonso X o Sabio e primeiro Bispo de Cartaxena
 Currículum

Ortigueira débelle ao seu fillo Pedro González Pérez, máis coñecido por Pedro Gallego -en alusión ao seu lugar de nacemento-, a súa intercesión ante o rei Alfonso X o Sabio para conseguirlle unha carta real “escrita en pergamiño de coiro rodeado e selado co meu selo de chumbo, pendente de fíos de seda”, pola que se lle outorgaba durante moitos séculos, máis concretamente desde 1245, concedeulle ao condado o Foro de Benavente, a mellor lexislación medieval, e un privilexio só reservado a vila dunha maior entidade cá de Ortigueira.

Con esta dispensa, o condado pasaba a depender directamente da Xustiza do rei, impedindo que outros xuíces entrasen no seu territorio, podendo só ser xulgados os seus preitos polos seus propios alcaldes ou polo meriño do rei, ademais de agracialo coa licenza de que tivese porto “por sempre xamais”

A pesar de que a súa figura aínda ten algunhas lagoas en canto ao coñecemento das súas múltiples ocupacións; pódese dicir, porén, que a maioría delas foron estudadas xa que se trata dun dos personaxes que máis relevancia tivo durante o tempo da Reconquista pola súa estreita relación cos monarcas da época. Ademais de ser el mesmo pola súa personalidade intelectual, relixiosa e histórica, é un dos máis insignes frades menores franciscanos de todos os tempos.

Pedro González Pérez nacera no ano 1200 nos arredores do Castelo condal de Ortigueira, no periférico barrio do Ponto. Segundo o cronista da provincia de Cartaxena, Manuel Ortega, o seu pai foi Gonzalo Pérez Gallego e posiblemente estivo emparentado, como tío, cos Fajardo.

O frade ortegán ingresou no mosteiro da Bastida, situado a tan só tres quilómetros de Toledo, para máis tarde, no ano 1236, converterse no ministro provincial da Orde franciscana en Castela, e Fernando III acabará elixindo para preceptor do seu fillo Alfonso, ao ver nel unas excepcionais condicións morais e unha gran cultura. Como consecuencia desta distinción, Pedro pasará a formar parte da corte toledana, onde se implicará na intensa actividade intelectual e científica que alí se desenvolvía. Ademais, o seu labor de confesor do príncipe levaráo a ter que viaxar con el, nas súas expedicións ao reino de Murcia, por mandato do seu pai, tras enviarlle o seu emir, Mohamed Abenhud, aos seus embaixadores a Castela para ofrecerlle a súa vasalaxe en 1243. Ao ano seguinte, Cartaxena renderase á coroa castelá como o último foco da resistencia árabe no territorio.

Ao día seguinte da reconquista, o príncipe Alfonso lanzou unha vasta operación de recomposición política que afectará tanto á administración e a repoboación da rexión, como á súa castelanización e cristianización, co fin de converter ás súas xentes en súbditos, aínda que respectará ás autoridades que xa exercían nas institucións.

Na súa idea de estender o Cristianismo, Alfonso X solicitou ao pontífice, Inocencio IV, a restauración da antiga diocese de Cartaxena, para a que nomeará como o seu primeiro bispo ao seu confesor e amigo, ao que aprecia polo seu gran prestixio científico e moral, feito que ocorreu en 1245.

Durante o seu episcopado, Pedro levará a cabo un triplo labor. Por una parte, encargarase de xestionar e organizar todo o relacionado coa orde material do bispado para o que adquirirá algunhas casas nas que poder aloxar aos seus relixiosos, fundará os cabidos, administrará os dezmos, porá os límites á súa diocese e ordenará a xurisdición eclesiástica, entre outras moitas cousas. En segundo lugar, dedicarase a evanxelizar aos seus habitantes e, por último, imprimiralle ao seu episcopado unha intensa actividade científica e cultural apoiándose na extraordinaria cultura musulmá preexistente no reino murciano, que tratará de ampliar coas novas sinerxías científicas de Castela e Aragón co resto de Europa.

Durante o inicio do segundo terzo do século XIII, o reino castelán empezara a cobrar unha nova dimensión, ao empezar a contactar os seus centros intelectuais de Santiago, Toledo ou Sevilla cos de Oxford, París ou Sicilia. Neste proceso internacionalizador, o talento e sabedoría de Pedro Gallego vai estar na vangarda das ideas, implicándose en todo o que se refire ao cultivo da ciencia (no sentido de filosofía natural, xa que, para a época, ciencia e filosofía eran termos sinónimos)

Neste contexto de enorme actividade, Pedro Gallego integrarase no gran proxecto do medievo, a Escola de Tradutores de Toledo. Neste laboratorio de metodoloxía da interpretación lingüística dos textos aportados por diferentes culturas, el preséntase, segundo algún autores, “un caso interesante para o estudo da metodoloxía concreta en tradutoloxía (tradución de textos antigos e estudo de traducións antigas) e ata para a definición mesma da tradución en xeral”. Estes investigadores atribúenlle terse beneficiado da súa condición de bispo para poder ter deixado “numerosos documentos (privilexios reais, bulas papais, memoriais, crónicas, franquezas, capitulacións) onde se lle menciona ben sexa de maneira obxectiva e directa, ben sexa como confirmante entre moitos”, aínda que antes deste nomeamento, non existe do bispo cartaxenés unha gran produción literaria e, na súa maior parte, débese ao outro famoso franciscano da época, o frade Juan Gil de Zamora (1241- 1318)

De calquera forma, o seu pontificado non foi demasiado apracible, pois aínda que o desexo relixioso de Alfonso se manifestaba en todas partes, só algún membros da aristocracia e do pobo abrazaron o cristianismo, mentres que a gran maioría permaneceron fieis á súa fe, o que rematará coa sublevación dos musulmáns murcianos en 1265 e arruinaría o feito no terreo relixioso, xa que as igrexas volveron ser mesquitas e só en moi escasos lugares subsistiría o culto cristián, principalmente nas fortalezas que non puideron tomar os rebeldes. Pedro fuxiu de Cartaxena, ocultándose durante varios meses en diversos lugares das terras da súa diocese, ata que o 13 de febreiro de 1266 o rei Jaime I de Aragón acabe por someter aos sublevados. O monarca entro una cidade, non con desfile militar, senón mediante unha procesión relixiosa “con gran acompañamento de clerecía e presidida por Amaldo de Gurb, bispo de Barcelona, e frei Pedro Gallego que o era de Cartaxena”, demostrando así a vertente relixiosa que caracterizaba as súas conquistas e que pronto se exhibiu convertendo a mesquita maior nun templo cristián baixo a advocación de Santa María, o que provocará as protestas dos musulmáns murcianos.

Trala súa restauración no posto, o frade ortigueirés durará pouco tempo, xa que, en 1267, morrerá tras contraer unhas febres durante unha grave epidemia que asolou o seu bispado. Os seus restos mortais foron trasladados a Murcia un cuarto de século máis tarde onde se conservan na súa catedral na capela do claustro, a man dereita do altar de San Juan.

Pedro Gallego sería o primeiro e o último dos bispos de Cartaxena que tivo a súa residencia habitual na cidade. Os seus sucesores fuxiron da pobreza e a inseguridade da pequena poboación costeira desoíndo os rogos reais de Sancho IV, quedando só a igrexa de Santa María a cargo de dous beneficiados.

Das súas obras científicas, quedou constancia en tres escritos, onde figuran unha serie de manuscritos, que foron rescatados en 1924 grazas a un bibliotecario da Biblioteca do Vaticano, o belga de orixe alemá monseñor Augusto Pelzer, que encontrou en Roma e en París os seus primeiros manuscritos, concretamente, o Liber de animalibus (12 libros) e o De regitiva domus (5 libros). O seu propio descubridor foi tamén quen o propuxo para integralo dentro da categoría de tradutor dentro dunha importante publicación baixo o título de Un traducteur inconnu: Pierre Gallego franciscain et premier évêque de Cathagène, e no que ofrece unha análise crítica de ambos textos.

Na súa reseña, o leonés Atanasio López, afirma que “as bibliotecas españolas non están aínda suficientemente investigadas; así que abrigamos esperanzas de encontrar algo máis que manifeste a cultura franciscana do século XIII”. Unha hipótese que será confirmada polo padre Gaudenzio Melani, que encontrou casualmente un fragmento (2 capítulos) dunha terceira obra de Pedro Gallego titulada Summa astronomica, que será estudada polo filólogo catalán José Martínez Gázquez, a partir de 1987 a través do texto depositado na Biblioteca Nacional de España, onde está catalogado co n° 361 dos Manuscritos franciscanos.

Entre as lagoas da obra de Pedro Gallego está a da súa participación na confección de “Las Siete Partidas del Rey Sabio”, pois segundo o belga Hugo Marquant, por esas “datas, pola forte relación persoal que houbo entre Alfonso e a súa contorna e oo mesmo Frei Pedro e pola natureza propia do proxecto alfonsí como obra de colaboración, algún (como o propio P. Atanasio López, por exemplo) son de parecer que, aínda estando en Murcia, Pedro Gallego podería ter colaborado dunha maneira ou outra no gran proxecto alfonsí. Ademais, o P. López preséntanos algún exemplos concretos sacados da Partida Segunda e do libro De regitiva domus”, aínda que Marquant garda distancia con esta posibilidade.

En canto aos seus coñecementos idiomáticos, o ortegano parece que foi tradutor directo do árabe ao latín, pois como el mesmo recoñece no prólogo do seu Liber de animalibus sabe ler perfectamente en árabe e latín, aínda que para sábelo con toda seguridade habería que atopar e e identificar os manuscritos árabes orixinais.

Por outra parte, o que chama a atención no labor de Pedro Gallego é a brevidade dos seus escritos, tanto en termos absolutos como respecto ás súas fontes orixinais. El parece compendiar as inquietudes científicas da época. En certo modo, podería dicirse que o que trata é de representar e explicar (compositio) de maneira estruturada (ordinatio) e condensada (breviatio) un ou varios textos de referencia dos coñecementos (sensus) dispoñibles/ adquiridos dunha área determinada do saber (Zooloxía, Astronomía, Pedagoxía) nun momento e lugar histórico. É o que hoxe chamariamos divulgación científica e que máis tarde, poñerá en boga a Ilustración co seu espírito enciclopedista.

 

Texto de José Manuel Suárez Sandomingo.