Salvador de Madariaga Rojo


Categoría: Profesor e escritor
Data de Nacemento: 23 de xullo de 1886 (†13 de decembro de 1978)
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

En 1898 a súa familia trasládase a Madrid e en 1900 vai estudiar a París. En 1906 entra na Escola Politécnica e en 1908 ingresa na Escola de Enxeñeiros de Minas, trasladándose dous anos máis tarde a Escocia. De regreso a España traballou na Compañía de Ferrocarrís do Norte como técnico da explotación central en Madrid ata 1916. Nese mesmo ano escribiu en varios xornais sobre política francesa e inglesa. En 1917 vai traballar a Londres, onde coñecerá a Alfonso XIII. En 1928 a Universidade de Oxford noméao profesor de Literatura Española, en 1931 é nomeado embaixador en Washington e deputado pola Coruña, dous anos máis tarde embaixador en París e en 1934 ministro de Instrucción Pública. Coa chegada da Guerra Civil exíliase en Francia, aínda que tamén estivo noutros países europeos.

 Obras realizadas

En 1917 publica o seu primeiro libro La guerra vista desde Londres. En 1920 publicou Shelley y Calderón (colección de artigos), en 1925 o ensaio Ingleses, franceses y españoles e as novelas La jirafa sagrada e El enemigo de Dios e ó ano seguinte Guía para el lector del Quijote. En 1930 publica a que será a súa obra máis importante España. Ensayo de historia contemporánea. Entre as obras que publicou tamén destacan: Anarquía o jerarquía, Ojo vencedores, Vida del muy magnífico señor Cristóbal Colón, Vida de Hernán Cortés, Cuadro histórico de las Indias, El toisón de oro, El corazón de piedra verde, Elegías en la muerte de Unamuno y García Lorca, Rosa de cieno y ceniza, El auge del imperio español en América, unha biografía de Simón Bolívar, unha traducción de Hamlet, Don Juan y la donjuanía, Bosquejo de Europa, Ramo de errores, La camarada Ana, Guerra en la sangre, Una gota en el tiempo, El semental negro, El sol, la luna y las estrellas, Romances para Beatriz, La que huele a Tomillo y a Romero, Presente y porvenir de Hispanoamérica, De la angustia a la libertad, La explosión del Partenón, De Galdós a Lorca, Los estudiantes de Salamanca, Sanco Panco, La cruz y la bandera, Mujeres famosas, Amanecer sin mediodía (1º tomo das súas memorias) Españoles de mi tiempo (colección de semblanzas),... Tamén deu numerosas conferencias por toda Europa e América.

 Outros datos de interese

Entre as condecoracións e premios que lle foron concedidos destacan: Gran cruz da Lexión de Honor imposta polo ministerio de Exteriores francés (1934), doutor honoris causa pola Universidade de Oxford (1966), premio Goethe polos seus servicios a Europa (1967), membro da Real Academia de Historia (1970), premio Carlomagno da Universidade de Aquisgrán (1972),... En 1976 regresa, provisionalmente, a España e na Coruña impónselle a medalla de ouro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. En maio de 1976 tomou posesión da cadeira académico da Real Academia Española para o que fora elixido facía 40 anos. En 1977 concedéronlle a gran cruz do Mérito (RFA) e en 1978 a gran cruz da Orde de Alfonso X o Sabio