Vicente Martínez-Risco y Agüero


Categoría: Escritor, etnógrafo, activista político
Data de Nacemento: 1 de outubro de 1884 (†en 1963)
Lugar de Nacemento: Ourense
 Currículum

Cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela obtendo a licenciatura en 1906. Ingresou na Delegación de Facenda de Ourense e en 1910 pasou a formar parte da redacción de El Miño. Viaxou a Madrid e matriculouse na Escola Superior de Maxisterio regresando a Ourense como profesor de Historia. Fundou en 1917 a revista literaria La Centura na que colaborarían os restantes membros do grupo ourensán. A finais deste ano ingresou no galeguismo por medio de Antón Losada Diéguez, membro das Irmandades da Fala. En 1920 fúndase a revista Nós e neste mesmo ano publica en A Nosa Terra a Teoría do nazonalismo galego, que lle dará unha influencia cada vez maior no seo das Irmandades. Así, a súa teoría política reflíctese en numerosas publicacións nacionalistas como A Nosa Terra, Nós, Rexurdimento e en periódicos da época como La Zarpa de Ourense e El Pueblo Gallego de Vigo. En 1930 viaxa a Centroeuropa para estudiar etnografía e folclore, estudios ós que se dedicará plenamente despois da guerra na residencia da súa cidade natal. Emprega sempre o galego agás nas produccións que fixo despois da sublevación militar de 1936 na parte correspondente da Historia de Galicia, dirixida por Otero Pedrayo, na traducción de A familia de Pascual Duarte e en congresos de etnografía en Portugal, así como na Homenaxe a Florentino Cuevillas.

 Obras realizadas

NARRATIVA: A literatura narrativa de Risco ten un carácter intelectual que se vencella coa súa producción ensaística, sendo unha continuación do seu pensamento filosófico. Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros (1919) é a súa primeira obra narrativa. Trátase dunha narración con notas críticas ós temas ocultistas tratados no texto. O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), publicadas na colección Lar, son dúas narracións breves de carácter popular nas que Risco emprega os seus profundos coñecementos en etnografía galega. A coutada (1926) é máis ben un diálogo filosófico. Desenvolve a necesidade de volver á terra, ó propio, como única saída á inadaptación. Os europeos en Abrantes (1927) é unha sátira de lugares e persoas da vida ourensá. Desta obra só publicou uns capítulos na revista Nós (números 39 e 40). O porco de pé (1928) é unha novela longa que supón o cume da narrativa de Risco. A obra amósanos unha visión satírica das estructuras sociais ourensás. A novela é como unha síntese do pensamento de Risco. Nela aparecen compendiadas as ideas que desenvolverá no conxunto da súa obra ensaística.
ENSAIO: Na producción ensaística de Vicente Risco, podemos distinguir tres etapas que marcan tamén a súa traxectoria intelectual: a) A primeira etapa (anterior a 1920) aparece explicada por el mesmo en Nós, os inadaptados (Nós, 1933). Neste ensaio, Risco estudia a evolución ideolóxica do seu grupo, xeracional e manifesta os gustos literarios e artísticos do grupo ourensán. b) A segunda etapa (1920-1934) iníciase coa conversión de Risco ó galeguismo, o seu ingreso nas Irmandades da Fala e coa fundación da revista Nós. É o principal ideólogo do movemento ata a chegada da guerra civil coa publicación de Teoría do nacionalismo galego, obra na que exalta Galicia a través da lingua, da terra e da raza. c) A terceira etapa (1934-1963) comeza coas crónicas da súa viaxe a Centroeuropa publicadas en Nós. Parte delas recolleríanse nun libro co título de Mitteleuropa (1934). En 1961 publica Leria, que reúne traballos firmados en 1920 ata 1955 con certas modificacións nalgúns deles. É unha colección de textos filosóficos e crítico-literarios que recolle ensaios como O sentimento da terra na raza galega; Nós, os inadaptados; Dédalus en Compostela, etc. ..
TEATRO: Vicente Risco é autor dunha soa obra teatral: O bufón de El-Rei (1928). É un drama en catro pasos. A acción desenvólvese na época medieval. A obra pódese considerar como un estudio de deformidade física e moral e da súa interrelación

 Outros datos de interese

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1981.