Estudiou o bacharelato no Instituto de Ensino Medio e Superior de Pontevedra e licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade Autónoma de Puebla (México). Foi catedrático na Universidade Iberoamericana impartindo clases de Antropoloxía do traballo e Problemas Sociais de México. Desde 1985 pertence ó Club Rotario de Puebla A. C. no distrito 4180, onde desempeñou os postos de secretario, presidente e director das catro avenidas, ademais de ser funcionario e delegado en moitas asembleas internacionais, así como orador e asistente en toda América Latina e nos Estados Unidos. Foi representante delegado nas compañías Colchones Ideal S.A., Man de México S.A. de C.V., Victorio Benzi S.A., Clisa S.A., Hogar Muebles de la Rivera S.A., delegado internacional para América Latina de Productos Asteca S.A., dedicada a maquinaria pesada para a minería en San Sebastián (España). Tamén é empresario e fundador de Cimisa S.A., dedicada á elaboración de colchóns, Dicma S.A., dedicada á distribución de colchóns e mobles en xeral, Industrias Artemetálicas S.A., dedicada á elaboración de mobles tubulares, Digital Express radiocomunicaciones, dedicada á distribución de equipos de radiocomunicación e Industrias Mobel S.A. dedicada á elaboración de mobles.
Rogelio Diz publicou os seguintes libros: La Gran Manipulación (1995), sobre a manipulación exercida polos medios de comunicación, La Emigración Gallega en México (1998), sobre os acontecementos da emigración despois da Guerra Civil e Memorias, Pensamientos y Versos (2001), que é a historia do seu pai, encarcerado na Guerra Civil e protagonista dunha das fugas máis importantes da historia de España, a fuga do forte de San Cristóbal en Pamplona, ademais da recompilación dos seus versos que foron escritos no cárcere e despois no seu exilio en México.
Colaborou con artigos de opinión nos xornais mexicanos Síntesis, Momento e Panorama, así como tamén nos xornais galegos Xornal.com, Acontrafío e Noticias Galicia como analista político.