Ramón González pasou a súa infancia e xuventude na súa vila natal. Sendo aínda moi novo, estableceuse en Arxentina e traballou como comerciante en Rosario de Santa Fe. A principios do século XX regresou enriquecido ó seu pobo natal e promoveu a apertura de varias sucursais do Banco Español de Río da Prata en Vigo e Santiago. Nunha viaxe a Porriño para visitar a un amigo da emigración coñeceu á que sería a súa dona Corona González Santos e alí fixou a súa residencia ata a súa morte.
Entre as numerosas aportacións de Ramón González destaca o financiamento do novo templo parroquial de Porriño, que se inaugurou en 1913. Ramón González fixo numerosas donacións ós concellos de Porriño e Mos para mellorar a vida dos seus cidadáns, pero a súa aportación máis importante foi o financiamento íntegro da Casa do Concello de Porriño do arquitecto Antonio Palacios. En Ribadeo, a súa vila natal, doou importantes cantidades de diñeiro, colaborando no desenvolvemento social e cultural. Foi membro da sociedade La Concordia e presidente en 1910. Ademais, pertenceu ó Ateneo de Ribadeo, subvencionando as clases e comprando instrumentos para os alumnos, financiou a adquisición do teatro, colaborou nas festas patronais de 1925 e doou unha importante cantidade de diñeiro para a construcción da actual praza de abastos.
En Ribadeo foi nomeado “fillo predilecto” e todo o pobo lle rendeu unha gran homenaxe en 1922 en colaboración co Ateneo e La Concordia.