Trasladouse cos seus pais, Ramón e Donigna, a Vigo, onde estudiou o Bacharelato. Con 16 anos marchou a Valencia para cursar estudios de Arquitectura na escola S.A.U., onde era coñecido co alcume de "Galego", destacando pola súa facilidade para o debuxo. Deixou os estudios de arquitectura polos de aparellador e Belas Artes, esta última na Escola de San Carlos de Valencia. Nestes anos tomou conciencia da súa galeguidade participando como cantante de protesta en distintos actos públicos, interpretando as súas cancións en galego, castelán e valenciano.
Foi seleccionado para o XII e XIV Premio Internacional de Debuxo Joán Miró. A partir de 1970 realizou exposicións en distintas galerías de todo o territorio nacional. En 1985 deixou as partituras para dedicarse ó mundo do espectáculo plenamente, alcanzando o éxito con obras como Aguijón 79, Borrajo Perdido, Apuntes para un cabaret, Aquí no hay crisis, Dihablemos, El Bufón del Rey, etc. Na súa faceta de escritor destacan Moncho y yo, Moncho y tú, Pobres míos (debuxos de humor), Amo la ciudad (narracións curtas), Animalitos (debuxos de humor en galego), Toño (libro de contos en galego), Pavana para una difunta (novela en castelán), Meu querido padre Ramón (novela en galego) e Con amor y humor (libro de frases en castelán). En 1991 retornou á pintura (sendo en 1997 e 1998 finalista do prestixioso Premio BMW e en 1999 na "VI Mostra Unión Fenosa" na Coruña), actividade que xa non deixa y que compaxina coa escritura e o espectáculo. Como compositor, ten no seu haber varios discos: Reina de Charo Reina, Loca de Encarnita Polo e El Bufón del Rey, entre outros.
No ano 1972, recibiu o 2º premio da canción universitaria. En 1970 gañou o premio de debuxo universitario no Colexio de Arquitectura. En 1976 recibiu a medalla ó mérito artístico de Información e Turismo. Como humorista é coñecido pola súa capacidade para improvisar. En 1985 as súas actuacións na sala madrileña "Cleofás" representan un fito na historia do humor nacional. Actuou en Vigo diante de 65.000 espectadores e en Bilbao encheu durante máis dun mes un teatro de 2.400 localidades. Sempre presumiu da súa procedencia galega, en Valencia fundou a primeira biblioteca no Centro Galego e na actualidade está realizando outra en Baños de Molgas. Foi campión de baile tradicional galego co grupo de coros e danzas de Vigo. Para celebrar o XXV aniversario no mundo do espectáculo, a Deputación de Ourense editou 1.000 exemplares dun libro sobre a súa traxectoria artística. Recibiu case tódolos premios de humor nacionais. Como actor foille concedido o premio "Cidade de Valladolid". Ten a gala ser o único humorista vivo na Praza do Humor situada na Coruña, así como ser fillo predilecto da súa cidade natal.