Alfonso Daniel Rodríguez Castelao


Categoría: Escritor, debuxante e activista político
Data de Nacemento: 30 de xaneiro de 1886 (†7 de xaneiro de 1950)
Lugar de Nacemento: Rianxo (A Coruña)
 Currículum

Dada a boa economía da familia pola emigración do seu pai, Castelao comeza os seus estudios. En dous anos acaba por libre o bacharelato. En 1902 matricúlase en Medicina en Santiago. É membro da tuna e actúa en obras teatrais galegas. Licénciase en 1908 e entre 1908 e 1909 cursa o doutorado en Madrid. A finais de 1908 preséntase á 1ª Exposición de Humoristas de Madrid con dous debuxos que teñen un gran éxito. Entre 1910 e 1915 pronuncia en diferentes lugares, como o Ateneo de Madrid, a conferencia Algo acerca de la caricatura, que se publica en Pontevedra. En febreiro de 1912 fai en Ourense a súa primeira exposición individual. Pouco despois inaugura en Madrid a súa famosa mostra da sala Iturroiz, casa con Virxinia Pereira na Estrada e establécese como médico en Rianxo. Neste ano inicia tamén colaboracións como caricaturista en El Liberal de Madrid. En 1913 nace o seu único fillo, Alfonso Xesús. En 1915 colabora en La Ilustración Galega e Americana gañando a terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes (Madrid) co tríptico Cuento de ciegos. Abandona a medicina e oposita o corpo técnico do Instituto Xeográfico e Estatístico. En 1919 expón en diversas vilas e cidades de Galicia, así como en Madrid, os cincuenta debuxos de Nós e publica Arte e Galeguismo na Coruña. En 1920 fúndase a revista Nós encargándose Vicente Risco da dirección literaria e Castelao da artística. Froito dunha viaxe a Francia son os traballos O Cubismo e os da sección Do meu diario publicados na revista Nós. En 1922 aparece Un ollo de vidro en Ferrol, co que inicia a súa producción narrativa. En 1924 pronuncia o seu discurso de ingreso no Seminario de Estudios Galegos titulado Do novo espírito. Funda xunto con Losada Diéguez a Coral Polifónica de Pontevedra en 1925 e en 1926 publica Cousas na Coruña e é elixido membro numerario da Real Academia Galega. En 1927 morre o seu fillo, o que o afecta profundamente e manteno inactivo durante un ano. En 1929 publica Segundo libro de Cousas na Coruña e fai unha viaxe a Bretaña (Francia), para estudiar as cruces de pedra, que dará lugar ó libro As cruces de pedra na Bretaña (Santiago, 1930). En 1930 publica tamén Cincoenta homes por dez reás na Coruña e O galeguismo no arte en Vigo, discurso lido o Día de Galicia no teatro García Barbón. Ó proclamarse a República en 1931 é elixido deputado pola provincia de Pontevedra. En 1934 publica en Santiago Retrincos, con ilustracións de Maside, Os dous de sempre e a edición definitiva nun só volume de Cousas. Durante a Guerra Civil reside en Madrid, Valencia e Barcelona, acompañando ó goberno republicano nos sucesivos desprazamentos a ditas cidades. En 1937 publica en Valencia os álbums Galicia mártir e Atila en Galicia. En 1938 viaxa a Moscova e logo a Nova Iorque, onde edita Milicianos. De aquí trasládase a Cuba pronunciando na Habana en 1939 a conferencia Galicia e Valle Inclán, que se publicou en varias revistas americanas en un volume en Lugo en 1971. Destas datas son os Dibuxos de negros editados en Vigo en 1970. De Cuba regresa a Nova Iorque e de aquí embarca para Bos Aires, onde establece a súa residencia. En Bos Aires estrea en 1941 Os vellos non deben de namorarse, pronuncia a conferencia El problema de las lenguas e publica -sen firmar- O Estatuto de Galiza. Antecedente e comentarios. En 1944 publica Sempre en Galiza e preside o Consello de Galiza, constituído nese mesmo ano. En 1945 funda a revista Galeuzca.

 Obras realizadas

ESCRITOR: Castelao xorde como narrador en 1922 coa obra Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete publicada na colección Céltiga. A obra está chea de alusións satíricas de tipo político e social. En 1926 aparece publicado pola editorial Lar o primeiro libro de Cousas. Neste libro Castelao reúne dezanove prosas narrativas que foran publicadas anteriormente nalgún periódico ou revista. O segundo libro de Cousas é unha continuación do anterior e consta de vinteseis prosas distintas das do primeiro. É publicado en 1929 na Coruña pola editorial Nós. As prosas de Cousas son todas breves e presentan, xeralmente, unha temática aldeá ou mariñeira. O galego empregado por Castelao nas obras puramente literarias é de gran calidade artística, logrando unha expresión de gran naturalidade e elegancia. En 1934 foron editados en impresos en Santiago pola editorial Nós o libro de contos Retrincos e Os dous de sempre, a única novela que escribiu Castelao. Os contos reunidos en Retrincos preséntanse como autobiográficos e están ordenados cronoloxicamente de acordo coa antigüidade das vivencias que narran. Os dous de sempre é unha especie de novela picaresca, realizada mediante a xustaposición de pequenas unidades narrativas, os capítulos, que tenden a ser completas en si mesmas e con desenlace propio. Os vellos non deben de namorarse é a única contribución de Castelao ó teatro galego. Esta obra estrouse en Bos Aires en 1941 e foi publicada por primeira vez por Galaxia en 1953. A obra consta de tres lances, un prólogo e un epílogo. O prólogo é unha declaración do autor sobre a obra. A continuación seguen tres lances independentes que son, en realidade, versións distintas do mesmo drama, tras historias de vellos namorados que acaban coa morte dos mesmos. A obra remata cun epílogo no que os tres vellos se encontran no cemiterio, despois de mortos. Láianse do seu imprudente namoramento e coñecen, gracias a un defunto chegado alí, noticias das súas mozas respectivas. POLÍTICO: A vida política de Castelao iníciase cara ó ano 1910, desde as columnas do semanario de Rianxo El Barbero Municipal, do que foi fundador xunto con Xosé Arcos, Ramón Baltar e Eduardo Dieste. O 18 de maio de 1916 fundáronse na Coruña as Irmandades da Fala. Castelao únese a esta corrente e participa na Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo os día 17 e 18 de novembro de 1918. Os membros da asemblea decláranse como nacionalistas, non rexionalistas, reivindican a autonomía integral da nación galega e a cooficialidade dos idiomas galego e castelán. Castelao intervén tamén no primeiro acto de propagando do Partido Nacionalista Republicano Galego constituído en Ourense, baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo. Os días 5 e 6 de decembro de 1931 constitúese na Asemblea de Pontevedra o Partido Galeguista. Castelao estivo presente na fundación, pero non formou parte da Secretaría nin do Consello Executivo. Castelao síntese moi identificado co partido e propugna como principios fundamentais a unidade cultural de Galicia, a súa autonomía, a cooperativa, a universalidade. No seu libro clave, Sempre en Galiza, Castelao evoca con entusiasmo á Asemblea de corporacións locais convocada polo Concello de Santiago de Compostela, celebrada nesa cidade en decembro de 1932. Sorprendido pola guerra, Castelao canaliza a súa actividade política a través do Ministerio da Propaganda desde 1936 a 1938. Sacou á luz o quincenario Nova Galiza, onde comezaron a publicarse os debuxos que servirían de base para os seus tres álbums de guerra de difusión ecuménica: Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos. Rematada a guerra marchou a Arxentina. No exilio desenrola unha gran actividade galeguista por medio de conferencias, artigos, conversacións, e sobre todo, nesta etapa compón o seu libro Sempre en Galiza.