Tras finalizar os seus estudos no Colexio Fingoi, estudou francés e inglés e no verán de 1957 e en novembro de 1958 decidiu perfeccionar os seus coñecementos de francés marchando a Francia, unha etapa que recorda como moi bonita.
Durante os anos 1958 e 1959 axudaba como voluntaria ó Dr. Fernando Álvez, coñecido pediatra, no Instituto de Hixiene, poñendo inxeccións e atendendo ós nenos enfermos.
O 22 de novembro de 1985, a presidenta de Acción Católica pídelle que se faga cargo de Manos Unidas como Delegada Diocesana de Lugo. Así, desempeñou o cargo ata o ano 2007, cando Clara López a relevou. Foron 23 anos de intenso traballo e satisfaccións que puido desenvolver grazas ó cariño, apoio e colaboración da súa familia.
O 28 de novembro de 1985 invitárona a realizar unha viaxe que marcou a súa maneira de entender a vida e a solidariedade. Viaxou á India cun pequeno grupo de delegadas e a persoa responsable no comité executivo daquel marabilloso país, Caridad Roa, co obxectivo de coñecer in situ os proxectos que alí se estaban realizando a través de Manos Unidas.
O seu traballo en MMUU encheu a súa vida e a da súa familia. De maneira moi especial ocorre no mes de febreiro de cada ano, que é cando a ONG realiza a súa campaña máis forte. MMUU conta, entre outras cousas, coa valiosísima colaboración de misioneiros que realizan conferencias, van ós colexios e ós medios de comunicación, contando as súas enriquecedoras experiencias.
Está casada, ten sete fillos e doce netos.