Técnico superior en Deseño de Interiores pola Escola de Artes Decorativas de Madrid, titulado na especialidade de Decoración pola EAAOA ‘Mestre Mateo’ de Santiago de Compostela. Foi profesor de Debuxo da EAAOA de Lugo, profesor nos cursos de Formación do Profesorado de EXB pertencentes á área de Pretecnoloxía, nos cursos de Deseño para profesores de Debuxo e Plástica en EXB e nos cursos de Formación Ocupacional sobre Deseño do Moble. Máster en Deseño de Interiores pola Universidade de Salamanca e o título universitario de Especialización en Deseño de Interiores pola Universidade da Coruña (Departamentos de Representación e Teoría Arquitectónica e Departamento de Tecnoloxía e Ciencia da Representación Gráfica). Foi membro do Seminario Permanente para a elaboración dos Plans de Estudo das Escolas de Artes Aplicadas de Galicia (Dirección Xeral de Ensinanzas Medias, Consellería de Educación, 1988) e membro do comité elaborador dos Plans de Estudio para o establecemento da titulación de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño (nivel 4) (Dirección Xeral de Ensinanzas Medias, Consellería de Educación, 1994). Foi membro tamén de IFI (Federación Internacional de Arquitectos de Interior), membro do Colexio Galego de Decoradores e Deseñadores de Interior e presidente de ADIGA (Asociación de Arquitectos de Interior de Galicia). Participou en numerosas mesas redondas sobre temas de uso do espazo e o zócalo urbano e foi conferenciante e articulista sobre temas de interiorismo. Posuía estudio profesional propio dende 1970 dedicándose, fundamentalmente, á resolución de vivendas, locais comerciais, espazos lúdicos, rehabilitación e paisaxismo.
Distintos premios en certames nacionais de arte xuvenil.
Exposicións persoais en Madrid, Lugo, A Coruña, Barcelona e Vegadeo.
Numerosas exposicións colectivas.
Membro do Grupo Record 1967-71.
Membro da Estampa Popular Galega 1967-68, mostras itinerantes por toda Galicia.
Biografiado na Enciclopedia Galega, tomo 1, páxina 146.
Distintos premios en cartelismo.