É doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago (1967), profesor adxunto de Edafoloxía da Universidade de Santiago (1970-1987), catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago (1987), profesor a tempo completo nas facultades de Farmacia, Bioloxía e na Escola de Enxeñería Ambiental de Xeoloxía, Edafoloxía, Medio Atmosférico e Hídrico, Saneamento Ambiental e Hidroloxía e profesor de Terceiro Ciclo nas universidades de Santiago, A Coruña, Oviedo, Granada, Valencia, Lleida, Alacante, Madrid e Barcelona e na Internacional Menéndez e Pelayo (Pontevedra, Santander, Valencia e Barcelona). Foi director ou codirector de 28 teses de licenciatura e director ou codirector de 20 teses de doutoramento.
É autor ou coautor dos seguintes libros: ‘Contribución a la climatología de Galicia’ (USC, Santiago, 1971), ‘Los Gallegos’ (Ed.Istmo. Madrid, 1975), ‘As especies forestais e os solos de Galicia’ (Semanario de Estudios Galegos. Ed. O Castro, 1982), ‘Capacidad Productiva de los suelos de Galicia. Mapa 1:200.000’ (Univ. Santiago, 1984), ‘Suelos Naturales de Cantabria’ (C.S.I.C. Madrid), ‘La construcción del paisaje: Megalitismo y Ecología. Sierra del Barbanza’ (Xunta de Galicia. Santiago, 1986), ‘La Naturaleza en Galicia’ (INCAFO-REPSOL. Madrid, 1988), ‘Os solos da Terra Cha. Tipos, xénese e usos’ (Deputación Provincial de Lugo, 1992), ‘As concas fluviais de Galicia. Características e riscos de contaminación difusa’ (Univ. Santiago, 1993), ‘O Medio Ambiente: Do control de emisións a incerteza do risco’ (Real Academia Farmacia Galicia, Santiago, 2000), ‘Un ensaio sobre a historia ecolóxica de Galicia’ (Real Academia Galega, A Coruña, 2002) e ‘A cuestión ambiental en Galicia. Raíces dunha nova cultura (1750-1972)’ (Galaxia. 2006). Foi o coordinador xeral de dezaoito libros relacionados coa natureza, autor ou coautor de 49 capítulos de libros, autor de 23 voces da Gran Enciclopedia Galega (2004-2006), de sete estudos introdutorios a libros, de 20 prólogos de libros, autor ou coautor de 202 traballos en revistas de difusión nacional, de 75 traballos en revistas de difusión internacional, de 14 comunicacións a congresos de ámbito nacional, de 52 comunicacións a congresos de ámbito internacional e investigador principal ou responsable en 30 proxectos de investigación. As súas liñas de traballo son: Propiedades físicas do solo, cartografía de solos, capacidade produtiva de solos, procesos de degradación da calidade dos solos, erosión de solos, actividades agrarias e calidade das augas, historia da ciencia en Galicia e ciencia, técnica e sociedade.
Foi bolseiro da Fundación “Juan March” (1968) e da Fundación “Barrié de la Maza” (1973). Ten sido membro do consello de redacción da ‘Revista Galega de Estudios Agrarios’ (Xunta de Galicia 1979-83), do consello de redacción de ‘Trabajos Compostelanos de Biología’ (Universidade de Santiago 1976-79), do comité científico de ‘Suelo y Planta’ (CSIC, 1990-95), do ‘Council of the European Soil Conservation’ (1990-94) e actualmente é membro do Consello da Cultura Galega (desde 1983). Ocupa ou ten ocupado os seguintes cargos: Director de BRAÑA Boletín da Sociedade Galega de Historia Natural (1977-80), presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (1975-80), presidente da xunta rectora do Seminario de Estudios Galegos (desde 1980), director do Museo de Farmacia ‘Aniceto Charro’ (desde 1992), presidente da Sección I (Física do Solo) da Sociedade Española de Ciencia do Solo (1990-1994), académico correspondente da Real Academia Nacional de Farmacia (1992), director do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias (Universidade de Santiago, 1994-98), académico numerario da Real Academia de Farmacia de Galicia (2000), académico numerario da Real Academia Galega (2000) e vicepresidente do Consello da Cultura Galega (2002). Foi galardoado cos seguintes premios: “Fray Bernardino de Sahagún” para traballos científicos sobre León (Deputación de León, 1972), “Federico Maciñeira” (Deputación da Coruña, 1978), Premio á Investigación (Deputación de Pontevedra, 1980), “Galicia” (Universidade de Santiago, 1982) e Premio da Crítica de Galicia (Investigación) (1997).