Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1965 e doutorouse na Universidade Autónoma de Madrid (1973) coa nota de sobresaliente cum laude. É diplomado en Estudios Hispanoamericanos pola Universidade de la Rábida (1964), do Corpo de Administradores Civís Superiores do Estado (1968) e profesor titular de Dereito Administrativo (1979). Impartiu clases na Universidade Complutense de Madrid (1967-1976), na Autónoma de Madrid (1972-76), na Central de Barcelona(1979), na de Santiago de Compostela (1976-1980)e en numerosos cursos impartidos na Escola Nacional de Administración Pública(1970-76) e na Escola Galega de Administración Pública (1990-1999).
Publicou os seguintes libros: Génesis y evolución de la Presidencia del Consejo de Ministros de España (Madrid, 1974); La inejecución de sentencias de los Tribunales Contencioso-Administrativos (Madrid, 1975); Las Diputaciones Provinciales en Galicia: del Antiguo Régimen al Constitucionalismo, (primeiro premio de investigación xurídica para facultades de dereito do Banco Castro Canosa en 1979), (A Coruña, 1978); O nacionalismo hoxe (Santiago, 1989); Galicia: ¿Provincia única? (Santiago, 1989); Territorio e identidade: Galicia como espacio administrativo (Santiago, 1989); Comentarios al Proyecto de Ley de Contratos de las Administraciones Públicas (coordinador, Xunta de Galicia-EGAP, Santiago, 1994) e A Lei de Administración Local de Galicia (director, Xunta de Galicia-EGAP, Santiago, 1998). Publicou case un cento de artigos de temática xurídico-administrativa nas máis prestixiosas editoriais e revistas da especialidade. Colabora asiduamente con universidades españolas, portuguesas e arxentinas, así como co INAP e outros centros europeos de formación funcionarial.
Foi parlamentario de Galicia en dúas lexislaturas, secretario da Mesa do Parlamento, candidato por "Coalición Galega" á Presidencia da Xunta de Galicia, Conselleiro da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia e voceiro do goberno autonómico. Foi fundador do "Partido Nacionalista Galego". Actualmente dirixe a comisión técnica da sección xurídica do Consello da Cultura Galega. Foi galardoado coa Encomenda da Orde Civil de Alfonso X O Sabio.