Óscar Villar Díaz


Categoría: Músico
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
 Currículum

Formouse no Conservatorio de Música de Vigo e completou a súa formación na Coruña, Ourense e Madrid, simultaneándoa con estudos de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, realizou os cursos de posgrado Dirección de Coro e Orquesta, Metodoloxía Coral e Técnica Vocal no Instituto Superior de Arte da Habana (Cuba).

 Obras realizadas

Desde os 17 anos desempeñou unha intensa actividade de dirección de agrupacións corais. Fundou a Coral Polifónica A Marosa de Vigo, a Coral Polifónica San Pelayo, así como a Agrupación Coral de Baiona, a Escola de Música de Nigrán e a Banda de Música deste mesmo concello. Na actualidade, é director da Coral Casablanca do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo, así como da Orquestra desta mesma entidade.

Villar Díaz actuou en vinte e nove edicións dos Festivais de Ópera e Zarzuela de Vigo, dirixindo a figuras renomeadas como Pedro Lavirgen, María del Carmen Hernández, Josefina Meneses, Mario Ferrer e Anne Marie Antoine.

Como docente, a súa traxectoria desenvólvese na Universidade Popular de Vigo, no Colexio Andersen, no Colexio Montecastelo e na Escola de Música de Nigrán. Dirixe as edicións dos libros de investigación musical Música Insólita Contemporánea Gallega, Centenario de Gregorio Baudot, La Cantiga de Manuel Curros e Xoán Montes, e ten colaborado na elaboración de diversos libros de texto e proxectos educativos musicais, así como na revista SONS, que edita trimestralmente a Fundación Coral Casablanca do Círculo Mercantil de Vigo.

No ano 2005, a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla de Galicia.