É doutor Enxeñeiro Agrónomo pola Escola Superior Técnica de Enxeñeiros Agrónomos de Madrid (1960). É o fundador da revista "Agro" da mesma escola. Foi o fundador da Delegación Provincial de Lugo do Servicio de Concentración Parcelaria e xefe da mesma desde 1963 a 1972. Foi subdirector e profesor de Fitotecnia e Motores e Máquinas da Escola de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo desde a súa fundación ata 1971. Nesa escola fundou a revista "Fronte e Cocote". Foi, ademais, enxeñeiro xefe rexional e inspector rexional do "Instituto de Reforma y Desarrollo Agrario" (IRYDA) (1972-1984), director xeral de Planificación e Desenvolvemento Agrario da Xunta de Galicia (1984-86) e formou parte da "l'Association General des Hygienistes et Techniciens Municupaux (1989-99).
Desenvolveu a súa actividade profesional realizando ou dirixindo a concentración parcelaria de máis de dez mil hectáreas e a execución de máis de 5.000 quilómetros de camiños e estradas rurais. Colaborou tamén no proceso de electrificación Rural do Instituto Nacional de Colonización. É autor de numerosos traballos científicos e literarios (Estampas do meu amigo Pepiño, Los Cinco Traperos, Década de Fermín), Una Opción para la Reforma Agraria de Galicia, complemento ó Catón galego de Ben Cho Sey e outros libros en colaboración. Deu numerosas conferencias e charlas sobre concentración (especialmente na provincia de Lugo), ecoloxía mariña, contaminación lumínica, eliminación de residuos, enerxías alternativas, xenética poblacional e alimentos transxénicos.
Recibiu o Premio Lugín (1951) polo seu traballo "Galicia a través de los personajes de Emilia Pardo Bazán" e o Premio Fernández Latorre (1964) polo seu artigo "O grao de corvo", un dos contos que forman parte do libro Estampas do meu amigo Pepiño. É socio fundador de FEROGASA, redactor do seu proxecto de execución e director do seu consello de administración (1996-97). É membro numerario do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses desde 1984 (foi secretario e hoxe é tesoureiro). É Comendador de Número da Orden Civil do Mérito Agrícola. Pertence á Real Academia de Medicina e Cirurxía (desde 1982) e á Real Academia de Ciencias de Galicia (desde 1982).