Mercedes Cachaza Platas


Data de Nacemento: 12 de decembro de 1948
Lugar de Nacemento: San Xulián de Vigo, Paderne (A Coruña)

Opinión
 Currículum

É a filla menor de tres irmáns dunha humilde familia labrega.

Por razóns de enfermidade dos proxenitores e delicado estado de saúde da mesma, críana os avós maternos onde asiste á escola ata conseguir o Certificado de Estudios Primarios.

Unha enfermidade diagnosticada moi tarde lévaa a gardar repouso durante quince meses, perdendo dous cursos escolares.

Ós doce anos aproba o exame de ingreso ó Bacharelato no Instituto de Ferrol e a continuación ingresa no Colexio das Madres Mercedarias por recomendación do Director da Bazán daquel momento, onde cursa o Bacharelato e Maxisterio con beca.

Rematada a carreira, trasládase a Girona onde empeza a traballar de mestra na Escola Pública ó tempo que se Diploma en Matemáticas e Ciencias Naturais na Universidade Autónoma de Barcelona.

Exerce como Profesora de E. X. B. nas seguintes localidades: Porqueras, Sarriá de Ter, Ullastret, La Bisbal D´Empordá, Palau Sator e Parlavá na provincia de Girona.

Trasládase a Galicia para exercer como Profesora de EXB en Fene (A Coruña).

Outro traslado lévaa a exercer como profesora de EXB en Berlanga del Bierzo (León).

Volve de novo a Galicia.

Fai a especialidade en Lingua Galega a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Exerce como Profesora de EXB no Colexio Público “O Xestal” en Monfero (A Coruña) onde ademais leva a Secretaría do Centro, a Coordinación de Departamentos Didácticos e o Comedor Escolar durante moitos anos ata que se integra no Ensino Secundario Obrigatorio como Profesora Especialista en Lingua Galega ata a súa xubilación anticipada ós sesenta anos, despois de corenta de servizos; rematando así a súa traxectoria profesional no Ensino Público.

Ós 55 anos funda o “Consello de Maiores de Paderne” na localidade de Paderne (A Coruña), a cal preside ata a actualidade; dita asociación está adscrita a “Unión Democrática de Pensionistas” (U.D.P), a cal agrupa a moitas asociacións de características parecidas a nivel estatal.

Desde os 59 anos pasa a ser das primeiras alumnas da UNED Sénior (Modalidade rural) na Aula de Paderne (A Coruña), onde segue na actualidade.

Tamén é alumna encargada dos comentarios sobre as actividades levadas a cabo pola UNED Sénior de Xestoso, adscrita á UNED da Coruña. Están publicados por varios xornais da zona e nunha revista titulada “Sesenta y más”, así como nas redes sociais.

Desde 1982 é catequista e creadora do “Belén Vivente” de San Xulián de Vigo.

Desde o 21 de marzo de 2013 publica semanalmente un artigo na sección de opinión de Galicia Dixital.