Filla de labradores, ós tres anos tivo a polio e quedoulle unha paraplexía. Debido ás dificultades para ir á escola, seus pais ensínanlle a ler e a escribir. Empeza o bacharelato polo pracer de estudiar e dá clases particulares nos veráns. Fai Maxisterio (especialidades de Matemáticas e Ciencias e de Lingua Galega). Traballou nos seguintes centros: Aula Especial de Minusválidos de Auxilia (1977-78), Escola Unitaria de Fonteita, Corgo (1978-80), Escola Unitaria de Román, Vilalba (1980-81), C.P. de Bretoña, Pastoriza (1981), Centro Base do Inserso, Lugo (1981-84), C.P. Castro de Ouro, Alfoz (1984-95) e CEIP "Veleiro Docampo", Castro Ribeiras do Lea (1995-...). Desempeña os cargos de coordinadora do Ciclo Medio e do 2º ciclo de Educación Primaria, coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística e secretaria. Completou a súa formación con cursos, xornadas, encontros...
É colaboradora habitual de varias revistas. É autora do libro Por un Lugo sen barreiras (1998) e a impulsora do proxecto educativo "Aprendemos Xuntos". Realizou un estudio de accesibilidade dos centros educativos da provincia de Lugo no ano 2000 e coordinou o libro Anacos da nosa cultura (2001). Ten tratado distintos temas sociais e de integración en artigos, conferencias, mesas redondas, debates, cursos de voluntariado...
Recibiu os premios "Mulleres destacadas" (1993); "Milagrosista do ano" (1996) e "Lucense do ano" (1997). É cofundadora do "movemento asociativo" de discapacitados físicos en Lugo, Galicia e España. Ocupou os cargos de coordinadora de Auxilia-Lugo (1977-95), representante de Galicia na elaboración da LISMI (Lei de Integración Social de Minusválidos) (1977-82) e membro das xuntas directivas de COCEMFE, AUXILIA NACIONAL e COGAMI. Tamén foi cofundadora e 1ª presidenta de MAMISLU (1997-99), membro da comisión elaboradora da ordenanza municipal de eliminación de barreiras arquitectónicas do Concello de Lugo. É a responsable do programa semanal de radio "Unha man amiga" e a cofundadora do grupo folk "Tangaraño".