María Xosé Porteiro García


Categoría: Periodista y relaciones públicas
Data de Nacemento: 25 de maio de 1952
Lugar de Nacemento: Madrid
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Feminista, política socialista e xornalista radicada en Vigo desde a súa adolescencia. Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Entre 1972 e 1984 traballou nos xornais El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia ou El País e en Radio Popular de Vigo. En 1984 foi contratada como Xefa de prensa e relacións públicas do Concello de Vigo. Desde 1999 ata xullo de 2001, foi directora xerente da empresa pública municipal do Concello de Santiago "Información y Comunicación Local, S.A.". Foi concelleira e tenente de alcalde no Concello de Vigo polo PSdeG-PSOE entre os anos 1987-1991 e 2003/2006. Foi deputada no Parlamento Galego durante a III e IV Lexislaturas (1980/1997). Entre 1991-94 pertenceu á Comisión Executiva do PsdeG, e desde marzo de 2012 é Secretaria de Cultura. Pertenceu ao primeiro consello de administración de TVE Galicia e foi a creadora e directora da empresa de comunicación compostelá "Información y Comunicación Local, SA" desde a que dirixiu a promoción da "Capitalidad cultural europea" do ano 2000. Deputada por Pontevedra entre 2004 e outubro de 2007 no Congreso español, membro das Asembleas parlamentarias do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental. Primeira delegada da Xunta no exterior (Arxentina e Uruguay, 2007/2009). Dirixiu o Museo do Ferrocarril e a Dirección de Comunicación e Desenvolvemento Corporativo da Fundación dos Ferrocarrís Españois ata novembro de 2011. Desde entón incorporouse á súa praza no Concello de Vigo como asesora da Alcaldía.

 Obras realizadas

Publicou varios libros, entre outros: "Quen é quen no primeiro Parlamento Galego", Edicións Xerais (1981); "Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas", Editorial Akal (1981); "Covardes", Editorial Ir Indo (2000); "A comunicación en Galicia" (VVAA), Ed. Consello da Cultura (1999);  "El puente siempre se queda" (VVAA), Ed. Grupo Puentes (2011) e "Vine, vi... y hablé. Las mujeres frente al discurso público", Auga editora (2012).

 Outros datos de interese

Foi membro da comisión do Consello da Cultura Galega, coordinadora de Turismo do "Eixo Atlántico" e membro do Consello de administración de Xornal Diario. É membro do Colexio de Xornalistas de Galicia, da Asociación de Escritores en Lingua Galega e observadora electoral acreditada polo Ministerio de Asuntos Exteriores. Colabora frecuentemente en medios radiofónicos (Cadena SER, Radio Galega) e escritos (La Voz de Galicia, Xornal Diario, Galicia Confidencial). É membro do Consello Rector do IGADI. En xullo de 2009 o Consello de Ministros de España acordou concederlle a Encomenda ao Mérito Civil pola súa aportación á política exterior española.