Manuel María Veiga


Categoría: Músico
 Currículum

A paixón pola música foi constante na súa vida, o que o levou a iniciarse nos estudos de guitarra no Conservatorio Profesional da súa cidade natal. Moi cedo comezou a interesarse pola composición musical, de xeito que continuou a súa formación escollendo a especialidade de composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde estuda con profesores como Juan Eiras ou Carlos Cambeiro. A súa obra procura crear un estilo propio inserido nas tendencias da música contemporánea, inspirándose nas súas reflexións sobre a sociedade en que vive, a cultura do mundo actual e as súas vivencias e lembranzas. Debido a este interese pola estética artística da música dos séculos XX e XXI, tanto a acústica como a electroacústica, asiste habitualmente a cursos relacionados con estes temas, impartidos, entre outros, por Sánchez Verdú, Gökçe Altay, Toshio Hosokawa, Alberto Posadas ou Cristóbal Halffter. Ademais, compaxina todo este aspecto formativo co traballo nas encomendas persoais que recibe, vinculadas tanto á composición como a outras tarefas relacionadas (instrumentación e transcrición), escribindo obras para diferentes ensembles de música de cámara, orquestra sinfónica ou banda de música. En relación con esta última formación, recibe o recoñecemento no VII Concurso de Composición da Federación Galega de Bandas de Música Populares, como finalista da terceira sección. Tamén participou con dúas das súas obras na realización do Dislocated Concert, un proxecto multidisciplinar que incluía un concerto en que os instrumentistas se achaban en lugares diferentes da xeografía galega e a súa música era ensamblada e retransmitida a través da Internet.

A querenza pola música propia da súa terra, xunto cunha vinculación persoal moi forte coa illa de Irlanda, levárono inevitabelmente a imbuírse na música folk e en diversos proxectos entre os que salienta o grupo Milesios, en que interpreta diversos instrumentos de corda pulsada, realiza arranxos e compón novas melodías baseadas na tradición musical galega. Con esta banda xa percorreu varios dos festivais máis importantes da xeografía galega e editou o seu primeiro traballo discográfico, Alén mar.

Á parte disto, é graduado en Tradución e Interpretación, na especialidade de inglés e alemán, realizou un Mestrado en Tradución Multimedia e ten participado en diversos proxectos lingüísticos como a subtitulación de conferencias para a Fundación Carlos Casares, a tradución de sitios web, manuais informáticos, documentais e artigos científicos para institucións e ONGs. Son frecuentes os vínculos entre os seus dous ámbitos de traballo, por exemplo actuando como intérprete en xornadas sobre música contemporánea.