É licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela.
Milita en Galiza Nova e no BNG dende os 17 anos. Trasládase a Santiago de Compostela no ano 1994 para cursar os seus estudos universitarios, participando no movemento estudantil nos Comités Abertos de Facultade (CAF). Durante este período foi representante na Xunta de Facultade e no Claustro.
Foi membro da Dirección Nacional de Galiza Nova durante os anos 2000-2004 e da súa Comisión Permanente, ostentando a responsabilidade de organización nos anos 2000-2003. Participou na Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.
Forma parte do Consello Nacional do BNG dende a IX Asemblea Nacional e na actualidade é membro da Executiva como responsábel da Secretaría de Políticas para a Mocidade.
Foi deputada do Parlamento Galego na anterior lexislatura desde o ano 2004 e portavoz en temas de mocidade e igualdade de xénero.
Participou en diversos eventos a nivel internacional, entre os que figura o Festival Mundial da Xuventude Democrática, celebrado en Cuba no ano 1997, dentro da representación que enviou Galiza; a Marcha Mundial das Mulleres, celebrada en Bruxelas no ano 2000, e no Fórum Social Mundial, celebrado en Porto Alegre (Brasil) no ano 2002.
Durante a última lexislatura foi deputada do BNG no Parlamento Galego e exerceu como portavoz de Mocidade, Medio Ambiente e Igualdade, alén de presidenta da Comisión de Agricultura.
Foi candidata número dous do BNG pola Coruña ás eleccións galegas do 1 de marzo.