Manuel Ferreiro


Categoría: Filólogo
Data de Nacemento: En 1955
Lugar de Nacemento: Saavedra (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

É licenciado (1978) e doutor (1990) en Filoloxía Hispánica (subsección de Galego-Portugués) pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2002 é catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña e, actualmente, director do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística.

A súa actividade investigadora abala entre a Lingüística Histórica e mais a Ecdótica e a Crítica Textual: os dous volumes da Gramática Histórica Galega (Santiago, Ed. Laiovento, 1995-1997) inscríbense na primeira liña de investigación; co segundo núcleo de pesquisa están relacionados os traballos que teñen como obxecto o estudo e a edición de textos medievais, nomeadamente dos textos trobadorescos galego-portugueses, con participación e dirección de proxectos de investigación e coa publicación de diversas contribucións e artigos especializados en revistas e libros colectivos ou monografías como “As cantigas de Rodrigu’Eanes de Vasconcelos” (Santiago, Ed. Laiovento, 1992).

A figura e a obra de Eduardo Pondal é outro centro de interese investigador no ámbito da Crítica Textual, coa edición crítica dos catro volumes da obra completa do bardo bergantiñán publicados pola Editorial Sotelo Blanco (Queixumes dos pinos, 1995; Poemas Impresos, 2001; Poemas Manuscritos, 2002; Os Eoas, 2005) e de múltiplos traballos e monografías sobre o poeta (Pondal: do dandysmo á loucura, Santiago, Ed. Laiovento, 1991) e sobre o Himno, especialmente De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego (Santiago, Ed. Laiovento, 2007, 4ª ed.) e O Himno Galego. Documentos Históricos [1890-1907] (A Coruña, UDC/USC/UVIGO, 2007).

A edición d’Os Eoas pondalianos mereceu o XVII premio de investigación “Losada Diéguez” (2006).

Actualmente dirixe a colección Documenta das Publicacións da Biblioteca-Arquivo “Francisco Pillado Mayor” da UDC.