Fillo de Manuel Barreiro Figueroa, un adiñeirado propietario, e de Juana Álvarez de Blas, foi un dos primeiros alumnos que cursaron os seus estudios no Colexio dos Pais Xesuítas de Camposancos na Guarda. Da promoción de 1896 deste colexio, destacou como un brillante alumno. O 1 de agosto de 1898, con 18 anos cumpridos, ingresou na academia de enxeñeiros. En 1905, ano no que remata os seus estudios, é ascendido a primeiro tenente de enxeñeiros e destinado ao sexto rexemento mixto de Valladolid. Nesta cidade chegou a exercer, de forma accidental, o mando da Cuarta Compañía de Zapadores. En 1906, é destinado á illa de Mallorca para facerse cargo da nacente rede de telefonía da cidade de Palma. En agosto de 1909, trasládase a Madrid para asistir a un curso de telegrafía que remata en decembro dese mesmo ano e que lle serviu para ampliar os seus estudios no sector das telecomunicacións. O 30 de outubro de 1911 é ascendido ao rango de capitán de enxeñeiros, reincorporándose, o 20 de novembro de 1912, ao sexto rexemento mixto de enxeñeiros de Valladolid. En 1913 volve ser destinado a Mallorca, neste caso á comandancia, na que tería baixo a súa responsabilidade a Compañía de Telégrafos. O 1 de maio de 1913, é designado xunto con outros vinte oficiais para efectuar unhas prácticas de observación e ascensión en globo en Cuatrovientos. Este sería un ano fundamental para a vida do militar pois, ao pouco tempo destas prácticas, incorpórase para voar como pasaxeiro. Á finalización destas prácticas é declarado apto "para ingresar cando a capacidade da escola o permita". O 26 de agosto de 1913 é requirido en Cuatrovientos polo Servizo de Aeronáutica Militar para ser instruído como piloto militar de aeroplano. Realizou o seu primeiro voo nun biplano "Maurice Farman" entre Alcalá de Henares e Cuatrovientos. É nomeado piloto aviador militar de 2ª categoría o 6 de outubro de 1913. Formaba parte da cuarta promoción. O 18 de outubro de 1913 recíbese en Cuatrovientos un telegrama do Ministerio da Guerra que ordenaba formar unha escuadrilla para colaborar co exército de África nas operacións que se levarían a cabo en Tetuán. O 22 dese mes parten rumbo a Marrocos os primeiros aviadores españois. Esta escuadrilla estaba dotada de oito aeroplanos e catro máis de reposto: catro “Farman” de 70 CV; catro “Lohner” de 90 CV e catro “Nieuport” de 50 CV. Os homes e aparatos que a compoñían formaban as primeiras forzas aéreas que participarían na Campaña de África. A escuadrilla estableceu o seu aeródromo no campamento de Adir en Tetuán. O 2 de novembro realizan o seu primeiro voo e o 5 de novembro de 1913 efectúan o primeiro bombardeo da historia mundial sobre posicións rifeñas. En Tetuán, o militar baionés comezou moi pronto a participar en misións de guerra como observador de aviación, cubrindo desta maneira 70 voos. Posteriormente, como piloto, realizou 25 voos cunha duración de 2 horas, que quedarían escritas como as primeiras horas de voo militar en acción de guerra, xa que estes voos sempre foron hostilizados polo inimigo. Estas operacións de recoñecemento aéreo sobre a mesma liña da fronte, realizadas entre outubro e novembro de 1913, expoñían aos aviadores a grandes riscos, dada a vulnerabilidade dos avións da época. Debe terse en conta que os primeiros voos rara vez excedían a altitude de 200 metros, alcanzaban velocidades de 75-80 quilómetros hora e podía durar 15 minutos máis ou menos. O 19 de novembro de 1913, no aeródromo de Adir, os biplanos “Farman” acendían os seus motores anunciando os próximos voos. Ao primeiro dos aparatos diríxense o tenente Ríos e o capitán Barreiro, que facía funcións de observador. Os dous aviadores recibiran do xefe de aviación do campo a orde de realizar un voo de recoñecemento sobre o monte Cónico para comprobar os datos doutro recoñecemento previo. Tras despegar, diríxese a Alucien e sobrevoan o Val do Jemis e o Monte Cónico en Tetuán, pero o tempo cambia, aparecendo nubes, e víronse obrigados a descender para conseguir orientarse e seguir coa súa misión. Como voan a moi baixa altura son tiroteados. Barreiro e Ríos son feridos e teñen que volver urxentemente á súa base, pois é difícil controlar o avión polas feridas. Malferidos, aproveitan a disposición favorable dos arredores do poboado inimigo de Zuintin para tomar terra pero os rifeños, que crían que o aparato estaba inutilizado, intentaron que non fora retirado polas tropas españolas. Para iso dispuxeron nas proximidades do aparato tiradores que intentaban facer branco sobre o mesmo. Ante esta situación de acoso constante e a imposibilidade de ser auxiliados, os aviadores volven a poñer o avión en marcha para finalmente tomar terra cerca do campamento xeral en Tetuán. Barreiro e Ríos tiveron o perigoso privilexio de ser os primeiros aviadores, non xa de España senón do mundo, feridos en acción de guerra. Esta xesta tivo amplo eco en todo o mundo occidental, pois tratouse dunha das primeiras accións de guerra da aviación na historia, xa que con anterioridade a aviación practicamente non fora utilizada con fines bélicos. Poucos meses despois, o 28 de xullo de 1914, a Primeira Guerra Mundial estaba declarada e nela xa foron habituais os combates aéreos protagonizados por artesanais biplanos de madeira e tela. O Rei de España decide premiar a fazaña e ascende aos pilotos. Igualmente foron felicitados por telegrama desde o Marrocos francés polo xeneral Liautey. Foilles concedida a Cruz de 1ª Clase de Mª Cristina por Real Orden o 19 de decembro de 1913. Ese mesmo día, Manuel Barreiro é ascendido a comandante á vez que pasaba á situación de substitución por ferido á 8ª Rexión Militar. Así permaneceu ata 1918, ano en que ingresou no corpo xeral de inválidos. En 1920 é ascendido a tenente coronel, en 1928 a coronel e en 1931 a xeneral de brigada, xa en situación de segunda reserva. De todos os recoñecementos recibidos por Manuel Barreiro, o máis importante, con moito, foi a imposición da Cruz Laureada de San Fernando en abril de 1922. Manuel e o seu compañeiro Ríos foron os primeiros aviadores españois en recibir esta condecoración. Despois da cerimonia e do desfile das tropas celebrouse un banquete en honor do insigne piloto. Ao pouco tempo celebrouse outra cerimonia na vila de Baiona, a vila natal do noso pioneiro da aviación.
IMPORTANCIA DO VOO DE BARREIRO:
Para situar a importancia dos voos de Manuel Barreiro Álvarez en outubro-novembro de 1913 débese recordar que o primeiro voo a motor foi o 17 de decembro de 1903, so dez anos antes de que Manuel Barreiro realizara o seu.
BIBLIOGRAFÍA SOBRE O TEMA:
Manuel Barreiro é citado por José Espinosa Rodríguez no seu libro “Casas y Cosas del Valle Miñor”; por Ulpiano Nogueira e José de Santiago en “Bayona Antigua y Moderna”. Igualmente é citado no libro “Historia de la Aeronáutica Española” de José Goma Orduña que foi publicado en 1946, así como nas revistas “España en sus héroes” e “Aeronáutica, Astronáutica” (Núm. 547, xullo de 1986). Por último, Héctor Barreiro Troncoso, cronista oficial da Vila de Baiona, cita ao aviador Barreiro nun documento inédito de 1989 titulado “Bayoneses Ilustres. Sucinta Biografía de algunos de ellos”. O autor deste artigo xa publicou un artigo, máis breve que o actual, integramente dedicado ao aviador baionés que foi publicado na Voz de Galicia o 23 de xuño de 1995: “Manuel Barreiro, primer piloto de aviación herido en Combate”. Tamén aparece no libro "Crónicas y Estampas de Baiona la Real" de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga.