Manuel Balseiro González


Data de Nacemento: 4 de xullo de 1940
Lugar de Nacemento: A Coruña
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Estudou no colexio dos Salesianos da Coruña desde 1946 ata 1951. Nese ano ingresa na Escola de Altos Estudios Mercantís da Coruña, onde se gradúa como perito mercantil en 1956.

Entre 1960 e 1970 complementa a súa formación nas áreas específicas das empresas para as que traballou, dunha maneira moi especial en Comercialización e nas Tecnoloxías da Información, chegando a ser considerado como Técnico Superior de Sistemas, que ante a non existencia naqueles momentos de titulación académica na materia (a facultade de Ciencias da Información foi creada con posterioridade) era un recoñecemento profesional do nivel de carreira de cinco anos.

Entre 1971 e 1974 asiste a diferentes sesións sobre Economía Xeral, Economía da Empresa e Dereito na Facultade de Ciencias Económicas de Sarrito (Bilbao), entón dependente da Universidade de Valladolid, e na Universidade de Deusto, tamén en Bilbao.

En 1972 acada o diploma en Dirección de Empresas, no INCIDE, Universidade de Deusto (Bilbao).

En 1983 perfecciona os seus coñecementos de Management diplomándose en PADE (Programa de Alta Dirección de Empresas) no Instituto de Estudios Superiores da Empresa (IESE) da Universidade de Navarra.

En 1985 diplómase en Comunidades Europeas, co título expedido pola Escola Diplomática do Ministerio de Asuntos Exteriores de España.

Desde 1982 asiste regularmente a cursos e seminarios especializados en innovación e políticas e estratexias de desenvolvemento tecnolóxico-industrial en España, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia e Reino Unido.

 Obras realizadas

Entre 1957 e 1964 presta os seus servizos na Editorial Montaner y Simón, S.A. de Barcelona e UTEHA de México, primeiro en áreas de administración e posteriormente comerciais, finalizando como delegado das compañías en Asturias.

En 1964 incorpórase ás firmas NCR (National Cash Register Company) e ATT, nas que adquire unha ampla experiencia no sector da computación e sistemas de información, finalizando como xerente territorial da División EDP (Electronic Data Processing) no País Vasco.

En 1974 regresa a Galicia como director económico e financeiro, con dependencia directa do consello de administración, da firma ATLÁNTICA, S.A., pertencente ao sector metalúrxico e naval, participada maioritariamente polo grupo Banco de Bilbao.

En 1979 é requirido para incorporarse á firma Hijos de Barreras, S.A. de Vigo (estaleiro pertencente á división naval do Instituto Nacional de Industria) para ocuparse da dirección económica e comercial da Fábrica de Motores DEUTZ. Neste período formou parte do equipo directivo que preparou un sistema de control económico independente, entre o estaleiro e a fábrica de motores.

En 1981 exerce durante un breve período de tempo a xerencia dun establecemento cooperativo de distribución de produtos de gran consumo en Santiago de Compostela, ata que en 1982, no momento de constituírse a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), é elixido director xeral, cargo que ocupa ata xullo de 2005, momento no que abandona o cargo tras cumprir os 65 anos e xubilarse. O seu perfil como xestor empresarial, claramente ligado coa innovación e a aplicación do coñecemento científico e tecnolóxico, así como o coñecemento do entorno socio-económico foron determinantes no proceso de selección de candidatos para desempeñar as funciones de director xeral de la Fundación.

En 2014, os organizadores de Designing Future concedéronlle o seu Premio Honorario pola traxectoria profesional de axuda ós empresarios novos.

 Outros datos de interese

- Promotor, fundador e presidente executivo do consello de administración do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia, S.A. (BIC. GALICIA) desde 1991 ata 1998.

- Promotor, fundador e vicepresidente-conselleiro do consello de administración da compañía Unidad de Materiales Avanzados Ibérica S.A., desde 1993 ata 1998.

- Cofundador e vocal do Consello de Administración de CESATEL S.A. (Centro de Servicios Avanzados de Telecomunicación S.A.) desde 1980 ata 2001, ano no que a compañía se integrou no grupo SOLUZIONA.

- Membro do consello de administración da compañía NORCONSULT S.A. desde 1988 ata 2001, ano no que a compañía se integrou no grupo SOLUZIONA.

- Cofundador e directivo da Asociación para a Formación Empresarial de Galicia (AEFG), agora integrada en APD (Asociación para o Progreso da Dirección), en cuxa organización permaneceu como membro do consello rexional ata decembro de 2006.

- Conselleiro-secretario do consello de administración de Talleres Reunidos, S.A. desde 1984 e conselleiro de Aplicaciones del Hormigón, S.A. desde 2005.

- Membro do Conselho Consultivo do Grupo CIMPOR (Cimientos de Portugal, S.A.) ata 1997.

- Director rexional da International Technology Transfer Association (IACHEI) desde 1988 ata a súa desaparición, por integración na T.I.I. en 1995, da cal tamén ten sido membro ata 2005 e que engloba a máis de 500 organizacións especializadas de toda Europa.

- Membro da European Association for Technology Transfer, Innovation and Industrial Information (T.I.I.) desde 1988, pertencendo ó seu consello de dirección durante dous mandatos, entre 1990 e 1994.

- Membro do Conseil Superieur Consultatif por la Recherche et le Developement Technologique de L’Europe Sud Atlantique, desde 1990 ata 1998.

- Segue participando en diversos programas europeos, sempre orientados ó fomento da transferencia de tecnoloxía e desenvolvemento industrial.

- En 1995 foi incorporado por elección como membro do Club de Roma, Capítulo Español; New York Academy of Sciences e Unión Paneuropea, Capítulo Español.

- É membro do padroado da Escola Universitaria de Estudios de Traballo Social de Galicia (desde 1987), agora Fundación Santiago Apóstol de Estudios Sociais, continuando como vocal no padroado.

- Foi membro do consello dos Institutos Universitarios de Investigacións e Análises Alimentarios, e de Ciencias Neurolóxicas, ambos pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela.

- Foi membro do consello asesor da Confederación de Empresarios de Galicia.

É autor e coautor de diversos traballos sobre innovación tecnolóxica e desenvolvemento industrial, así como relator en congresos e seminarios, nacionais e internacionais sobre a mesma materia. Entre os máis recentes: University of Westmister (dentro da Asemblea do Grupo Compostela de Universidades); Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (VI Xornadas en colaboración coa Real Academia Galega das Ciencias); Seminario de Vinculación Empresa-Universidade, en Cidade de Guatemala (organizado polo Consello Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de Guatemala) e V Foro Bolívar (Mar del Plata, Arxentina); e Análise da Educación Superior en España (A Coruña, Fundación Barrié de la Maza).

Entre os anos 1996-7 formou parte dun grupo de seis expertos españois invitados pola Axencia Española para a Cooperación Internacional e polo Centro Interuniversitario para o Desenvolvemento de Chile, que tiñan que deseñar un modelo de desenvolvemento tecnolóxico para aquel país.

Formou parte, como coordinador por parte española, dun estudo conxunto coa Sociedade Portuguesa de Inovaçao, que contiña o deseño e plan de financiamento dun centro tecnolóxico a establecer na demarcación territorial do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (Portugal).

Participou, nalgúns casos como coordinador e noutros como membro asociado, en diversos programas de dimensión europea, co financiamento de fondos estruturais, ou especificamente aplicables ó fomento da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, con entidades pertencentes a Irlanda, Holanda, Reino Unido, Alemaña, Noruega, República Checa, Francia e Portugal.

É profesor invitado, na área de Organización Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico da Universidade Moderna de Portugal desde 1993.

O seu nome está incluído nos anais do Who’s who in America, e Who’s who in finance and industry, desde 1993 e en Who’s who in the worls, desde 1995.

Foi cofundador e primeiro presidente da Rede Española de Fundacións Universidade Empresa de España, e pertenceu á Asociación Española de Parques Científicos e Tecnolóxicos (APTE) e á Asociación Internacional de Parques Científicos (IASP).

E membro distinguido de varias organizacións e asociacións civís. Na actualidade, ademais de seguir manténdose nos consellos de administración de Sociedades Talleres Reunidos, S.A. e Aplicaciones del Hormigón, S.A., e froito da súa reincorporación ó mundo empresarial, participa como inversor en Osebe Asociados, S.L. (Administrador), Grupo Inmobiliario Aldeas Naturais, S.A. (Vicepresidente) e Codium Networks, S.L. (Vicepresidente), compañía, esta última, experta en sistemas de telecomunicacións sen fíos en banda ancha-WIMAX.

Está casado e ten 5 fillos. Presidiu as Asociacións de Pais de Alumnos do Colexio Santiago Apóstol de Vigo e do Colexio San Francisco de Vilagarcía de Arousa na etapa escolar dos seus fillos.