Pronto destacou pola súa habilidade para o debuxo. En 1929 recibiu unha axuda por parte da Deputación para amplia-los seus estudios en Madrid, onde expón nunha mostra colectiva. Foi profesora de debuxo na Escola de Artes e Oficios. En 1938 ingresou como membro da Academia Provincial de Belas Artes da Coruña. Destacou sobre todo en pintura augada e en acuarela. Realizou exposicións individuais en Santiago, A Coruña, Mallorca e A Habana, ademais de participar tamén en exposicións colectivas.
Un tema predominante nas súas obras é a paisaxe galega, plasmada fundamentalmente en acuarela, por considerala a técnica máis idónea para interpreta-la paisaxe. Algunhas das súas obras máis importantes son Danzarina, Tríptico alegórico de Galicia, que hoxe pertence á Deputación da Coruña e Las Hadas del Caracol, que se atopa no Museo Provincial da Coruña.