Despois de ter pintado durante máis de 20 anos sen dar a coñece-la súa obra fóra do seu entorno, é a partir do ano 2000 cando Barreda nos presenta o resultado de todos estes anos, que o levaron a crea-lo seu propio estilo e técnica que podemos ver nas súas obras. Os temas son moi variados e van desde o abstracto ó figurativo. Son obras cheas de colorido, onde a luz se fai forte e os colores cobran un importante protagonismo na execución e composición da mesma.
Ten realizado as seguintes exposicións individuais: Sala "Caixanova" (O Barco, Ourense), Fundación Araguaney (Santiago), Galería "Sargadelos" (Monforte, Lugo), Galería "Sargadelos" (A Estrada, Pontevedra), "Casa do Escudo" (Concello de Verín, Ourense), Ateneo de Ourense e "Casa da Xuventude" (Ourense). Tamén realizou unha exposición colectiva na "Cidade da pintura" (virtual) e na "Fiesta del olivo" (Casa da Cultura de Mora, Toledo). Tomou parte nos seguintes concursos: "I Certamen Ciudad de la Pintura" (Caja Vital Kutxa); "Bienal de d'art Tarragona 2002"; "XXIII Premio Tapiro"; "Certamen Internacional de Pintura" (Galería de Arte "Aitor Urdangarín"); "XXVI Certamen Nacional de Pintura" (Concello de Mora, Toledo); "XVIII Premio Lóreal de Arte Contemporáneo" e "VII Certame Ilustrísimo Concello de Cangas".
Conseguiu os premios de instalación do escaparate de Nadal da Cámara de Comercio de Ourense nos anos 1991, 1993, 1994, 1998 e 1999.