Licenciado en Ciencias da Información, (rama de Xornalismo), pola Universidade Complutense de Madrid, é doutor en Socioloxía e Ciencia Política, pola Universidade de Santiago de Compostela, na que traballa actualmente como xefe do Gabinete de Comunicación e como profesor Asociado na Facultade de Ciencias da Información.
A súa actividade como xornalista comeza en "A Nosa Terra" (cando aínda era estudiante, en 1998), logo foi director do semanario "Tempo Galego", correspondente de Diario 16 en Galicia, colaborador de La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego e O Correo Galego, xunto con outra serie de publicacións diarias e semanais. No ano 1986, despois de dous anos na Administración Autonómica como xefe do Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Cultura, incorpórase como xornalista ó cadro de persoal da Universidade de Santiago. No ano 1991 volve á Xunta de Galicia, co nomeamento de xefe do Gabinete do Conselleiro, primeiro, de Relacións Institucionais e, despois, de Cultura. En xuño de 1996 retoma a súa actividade como director de Comunicación da Universidade de Santiago. Do traballo que realiza na Universidade destaca a actividade académica como profesor de Xéneros Xornalísticos de Opinión e Interpretación e como investigador no eido da comunicación nas organizacións, tema sobre o que ten varias publicacións. No ano 1997 a Universidade encárgalle a dirección da súa publicación xornalística e, en novembro de 1999, a do diario dixital USC. Xornal electrónico, o primeiro xornal diario electrónico das universidades do Estado Español.