Iniciou a súa actividade empresarial instalando mesas de futbolín nos establecementos de hostalaría, para logo montar no Campo Castelo de Lugo o primeiro salón de máquinas recreativas do norte de España, que despois establecería na rúa Bispo Aguirre. Na Rúa de San Pedro montou un negocio de decoración, e logo Floristería Bonsai.
Despois de incursións breves no mundo da construción e como empresario taurino xunto con outros socios (esta última iniciativa resultou un fracaso), dedicouse de xeito especial ós negocios de hostalería (Cafetería-Restaurante Los Tilos, un Hostal-Restaurante en Mondoñedo, Cafetería San Marcos), para culminar coa dignificación dun recanto excepcional de Nadela (Lugo) como resulta ser a Casa Grande.
Participou na elaboración da Lei do Xogo de Galicia, e fundou a primeira asociación Galega de Empresas Operadoras, da que foi presidente durante 12 anos. Foi Vicepresidente do Club Deportivo Lugo. Foi membro fundador da Confraría Sacramental lucense, e foi Presidente da Peña Amigos de San Roque durante máis de vinte anos.
En política, comezou participando a título persoal nas eleccións municipais polo entón chamado “terzo familiar”. Despois, como militante, primeiro de Alianza Popular, e logo da refundación deste partido no Partido Popular. Foi concelleiro en Lugo desde 1974 ata 2007, participando na primeira Corporación democrática. Conviviu con oito alcaldes, e foi o concelleiro que máis tempo permaneceu en activo no Concello de Lugo.
Varias veces Tenente de Alcalde, estivo sempre ligado á zona rural, e con tarefas relacionadas con medio ambiente, alumeado ou vías e obras. Foi tamén Síndico do Concello de Lugo. Como concelleiro da zona rural de Lugo conseguiu un sen fin de realizacións, case sempre como alentador, moitas veces logrando que os veciños cedesen terreos para apertura ou mellora e asfaltado de camiños que pasaban a ser pistas, sinalización dos pobos, alumeado publico e mellora de electrificación rural.
Foi Deputado no Parlamento de Galicia nas lexislaturas III e IV, sendo membro de diversas comisións e Vicepresidente da de Economía durante oito anos.
En Conturiz rendéuselle unha homenaxe popular á que asistiron preto de mil persoas. En novembro de 2009, recibiu unha homenaxe das xentes de Recimil (Lugo), os seus veciños de sempre.