Juan Raúl López Naya


Data de Nacemento: En 1954
Lugar de Nacemento: A Coruña
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Despois dos seus estudos de Perito Mercantil, iniciou a súa vida profesional en 1976 realizando prácticas na Biblioteca e Arquivo da Real Academia Galega. En xuño de 1978, foi designado secretario do Museo Arqueolóxico e Histórico "Castelo de San Antón" da Coruña, traballo que desempeñou ata febreiro de 2003. En 1982, 1983 e 1984, colaborou nas Campañas de Investigación e Consolidación do Monumento do Castro de Elviña; no Inventario do Patrimonio Arqueolóxico do termo municipal de Oleiros, e no Inventario do Patrimonio Histórico Artístico da Provincia da Coruña, todos eles baixo a dirección de Felipe-Senén López. Foron 25 anos de servizo no Museo, no transcurso dos cales realizou diferentes cursos de formación organizados polo Ministerio de Cultura, entre eles: Xornadas de Departamentos Educativos de Museos (Museo Arqueolóxico Nacional); Criterios de conservación e restauración de obxectos arqueolóxicos (Museo Nacional de Arte Romana de Mérida); Sistema de documentación nos museos (Museo Etnolóxico de Madrid), etc...   Dende febreiro de 2003 ata o presente, presta os seus servizos como Técnico Auxiliar de Casas Museo, na Real Academia Galega de Belas Artes.
 
É coautor xunto con Lucía Patiño Ponte dunha monografía sobre o director, compositor e musicógrafo Adolfo Anta Seoane e os Premios "Marcial del Adalid", que na actualidade está pendente de publicar.
 
Foi membro fundador e directivo, xunto con Felipe-Senén López, da Asociación de Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña, na actualidade chamada "Amigos dos Museos de Galicia". Tamén foi membro fundador da desaparecida asociación "Amigos da Danza de A Coruña", na que organizou dous certames, un nacional (1999) e outro internacional (2000), baixo o patrocinio do Concello, Deputación e Caixa Galicia.

 Obras realizadas

Realizou montaxes e maquetas para algunhas publicacións, entre elas: Boletín Brigantium, (núms. 1 ao 7); Monografías Urxentes do Museo Arqueolóxico da Coruña (núms.1 ao 4); "O camiño e unha nostalxia". Poemas de Manuel María (1986); Estudios acerca de la familia Murguía-Castro. Juan Naya Pérez (1999).
 
Na actualidade está a preparar a edición de varios volumes baixo o título de "Una mirada hacia atrás" (recompilación de artigos xornalísticos de Juan Naya, anos 1942-1990).   Por outra parte, colaborou de forma activa no catálogo e exposición antolóxica dedicada ao pintor Ovidio Murguía, organizada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza (2000-2001).