Desde moi novo amosou a súa afección pola fotografía e foi en 1932 mentres estudiaba Dereito en Salamanca cando publicou un pequeno libro de fotografías titulado 50 Fotos de Salamanca, prologado polo seu gran amigo Miguel de Unamuno. Durante esta época tamén levou a cabo un intenso labor fotográfico e documentalista polas aldeas galegas, realizando en 1935 unha exposición no Círculo de Belas Artes de Madrid. O éxito conseguido nesta exposición fixo que ese mesmo ano expuxese as súas fotografías en París gracias ó patrocinio da Oficina Española de Turismo.
Como fotógrafo documentalista realizou catro películas: Mariñeiros, Oleiros, Canteiros e Feirantes. Na Arxentina levou a cabo unha intensa actividade cinematográfica, en 1938 foi director de fotografía na película Los Caranchos de la Florida e en 1939 dirixiu La Mujer y el Jockey. Nos anos corenta colaborou con importantes xornais e revistas como El Día e La Prensa e publicou o seu libro Nieve en los Andes. En 1954 viaxou ó Xapón, onde levou a cabo un gran traballo de documentación fotográfica sobre a vida e costumes xaponeses que expuxo en 1957 na galería Van Riel de Bos Aires. Ademais, colaborou nas revistas norteamericanas Life e U.S, Camera. Sobre a festa dos touros realizou un gran traballo de documentación, publicado máis tarde en Gran Bretaña co título de The Life & Death of the Fighting Bull.
En 1942 foi premiado polo seu labor fotográfico na película Malambo e foi nomeado membro da Academia de Ciencias e Artes Cinematográficas de Arxentina. A súa obra foi incluída en varias exposicións como a colectiva “Idas y Caos. Aspectos de las vanguardias fotográficas en España” (Madrid, 1984), a retrospectiva sobre fotografía “Fotobienal Vigo-84” e na colectiva “Ollares no tempo” (A Coruña, 1985).