Jesús Carlos Palmou Lorenzo


Categoría: Abogado e político
Data de Nacemento: En 1949
Lugar de Nacemento: Rodeiro (Pontevedra)
 Currículum

É licenciado en Dereito, cursou os estudios de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela e ten pendente a lectura da tese sobre "Relacións Laborais Especiais" . É, así mesmo, titulado superior en Dereito Civil de Galicia e en Dereito Medioambiental. En 1972 ingresou por oposición na Administración Civil do Estado. En 1981 pasa á situación de excedencia voluntaria para dedicarse á avogacía. Foi asesor xurídico da "Semana Verde de Galicia" desde 1982 ata 1991, ano no que pasa a ser secretario xeral letrado da "Fundación Semana Verde de Galicia". Igualmente foi secretario xeral letrado da "Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada" e asesor xurídico de numerosas empresas ata 1996. En 1985 ingresa no Partido Popular e dous anos máis tarde foi elixido concelleiro no Concello da Estrada, cargo que desempeñou de modo ininterrumpido, xuntamente co de tenente de alcalde, ata 1996, ano no que cesa como consecuencia do seu nomeamento como "Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais". Nas eleccións autonómicas de 1989 é elixido deputado, representación que segue exercendo na actualidade. Desde 1992 forma parte do Comité Executivo do Partido Popular de Galicia. O 22 de maio de 1996 foi nomeado "Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais", cargo desde o que impulsa o acordo entre a Xunta de Galicia e as centrais sindicais para o crecemento e o emprego. Tamén desde a mesma Consellería, deseña e pon en marcha o "Plan de Infraestructuras e Modernización de Medios ó Servicio da Administración de Xustiza", o "Plan Galego para Parques Comarcais de Bombeiros" e o "Plan de Casas Consistoriais para os concellos galegos 1999-2003", ademais de dar un impulso definitivo ó funcionamento da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), da que foi presidente desde 1996 a 1998. En 1999 abandona a Consellería para facerse cargo da Secretaría Xeral do Partido Popular de Galicia. Na actualidade, tamén é membro do Comité Executivo Nacional do Partido Popular. Como deputado ten unha intensa actividade lexislativa, xa que foi relator nas leis de Fundación, Coordinación de Policías Locais, creación da Academia Galega de Seguridade, Recurso de Casación de Galicia, Protección Ambiental, Dereito Civil de Galicia, Camiño de Santiago, etc. Exerceu a presidencia da Comisión de Estatuto dos Deputados e da Comisión Especial para o Estudio das Repercusións Socioeconómicas e Sanitarias do Narcotráfico en Galicia.

 Outros datos de interese

Está en posesión de numerosas distincións, recibindo no ano 2000 "A Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort". Está casado e ten tres fillos.