Artista autodidacta, aínda que de sólida formación, comeza a pintar ós 14 anos e ós 17 realiza a súa primeira exposición individual. Parte nun principio da figuración para representa-los húmidos muros das casas nos invernos galegos, e coa escusa das manchas que aparecen nos muros, traballa e desenvolve unha investigación cromática, que o leva ata a abstracción, hoxe en día a súa actual liña de traballo. As súas obras figuran en museos e fundacións do ámbito galego, aínda que tamén podemos ve-lo seu traballo nalgunhas cidades do resto de España, Cuba, Arxentina, Suíza e Portugal.
Realizou exposicións individuais na Galería Imagen (A Coruña), Galería Visol (Ourense), Galería Margarita Summers (Madrid), Casa da Cultura (Vilagarcía), Casa de Galicia (Madrid), Sala Digamel (Pontevedra) e Galería Arte e Imagen (A Coruña).
Entre as súas exposicións colectivas pódense destaca-las realizadas no XV Salón Internacional de Artes Plásticas (Barcelona), Galería Xeito (Madrid), Casa das Artes (Vigo), Fundación Eugenio Granell (Santiago), Galería Visol (Ourense), Galería Borrón Cuatro (Cambados), Galería Arcana (Vilagarcía), Galería Alameda (Vigo), Galería Sargadelos (Santiago) e Galería de arte Luís Seoane (Bos Aires - Arxentina).
Realiza ilustracións para suplementos culturais e revistas especializadas da prensa galega. Elaborou carteis anunciadores para concellos e para a Xunta de Galicia. Imparte varios talleres de pintura para a Asociación Española contra o Cáncer. Participa como artista invitado na Reunión-Taller das Artes Visuais na Fundación Museo ‘A Solaina’ (Vila de Cruces - Pontevedra). Realizou a portada para o libro ‘D. Francisco del Valle-Inclán Santos, unha páxina na historia de Vilaxoán’, estudio realizado por Teo Cardalda. Doou ó Concello de Vilagarcía a obra titulada ‘Cortegada’, cadro de grandes dimensións, que foi a culminación dunha serie de traballos, que o artista realizou sobre o tema da illa de Cortegada, recentemente declarada Parque Natural. Nos últimos tempos pon en marcha o Obradoiro Castelao de Creación Plástica, desde o que impulsa a formación de novos creadores. Está incluído na Web da Guía de Artistas Plásticos da Xunta de Galicia e a súa obra é obxecto de estudio para un traballo de fin de curso dos alumnos de arte do I.B. Carril, posteriormente publicado en Internet. Actualmente e desde xuño de 2004, escribe pequenos ensaios para o suplemento cultural do Diario de Arousa.
Hai referencia á súa obra en diversos libros, enciclopedias e dicionarios. Escribiu artigos nos principais xornais de Galicia (La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso, Diario de Arousa, Diario de Pontevedra, La Opinión, El Ideal Gallego e El Correo Gallego).
Obras súas figuran en diversos museos, entre os que se poden destacar: Fundación-Museo ‘A Solaina’ (Vila de Cruces - Pontevedra), Museo Aller Ulloa (Lalín - Pontevedra), Consellería de Cultura (Xunta de Galicia), Galería Margarita Summers (Madrid), Concello de Vilagarcía de Arousa, Fundación Semana Verde de Galicia, Cruz Roja Española e Centro de Arte Jaime Trigo.