A súa casa familiar está á beira do río Lérez e enfronte do mosteiro beneditino dedicado a San Bieito de Lérez. Fillo de pai Garda Civil e nai labrega e excelente ama de casa, pasou a súa infancia nesta casa, que sería a súa referencia familiar durante toda a súa vida. A pesares das dificultades económicas propias deses anos nas zonas rurais galegas, tanto Gonzalo como o seu irmán José, que nacera dous anos despois, puideron cursar estudos no Instituto da Inmaculada, na cidade de Pontevedra, e despois ter acceso, tras superar as probas de acceso, á Academia Xeral do Exército en Zaragoza.
Tras tres anos na Academia de Zaragoza e dous máis na Academia Especial da Garda Civil en Madrid, Gonzalo Jar toma posesión do seu primeiro emprego como Tenente da Garda Civil entre os anos 1972 e 1973 na Academia de Gardas de San Lorenzo de El Escorial, lugar onde coñecería á que anos despois sería a súa dona e compañeira no resto da súa vida.
Tras esta breve estancia na pequena vila da serra madrileña, viría o seu primeiro destino como Tenente Xefe de Liña de Pola de Lena (Asturias). Destes anos sempre gardou bos recordos, mais acompañados tamén sempre de dificultades, non só por tratarse da súa primeira experiencia como xefe dun destacamento, con apenas 24 anos, senón tamén polas dificultades propias que presentaba unha zona mineira, con forte tradición obreira, nos derradeiros anos do franquismo. Estes anos foron dunha gran importancia persoal e profesional, e remataron coa voda con Mariluz, no Alto de Pajares, na pequena ermida románica de Santa María de Ervas, o 23 de marzo de 1976.
No ano 1977, Gonzalo Jar incorpórase como Tenente Xefe do Destacamento de Tráfico de Lugo, cidade onde ficará dous anos, desenvolvendo una parte da profesión de Garda Civil máis clásica e coñecida polos cidadáns, percorrendo as estradas da súa demarcación, normalmente no coche, acompañado do seu inseparable condutor, e noutras ocasións na moto.
Obrigado polas condicións propias do corpo armado, de novo no ano 1979 chega o momento do ascenso e do cambio de posto e lugar de residencia, e Gonzalo e a súa muller (que como filla e neta de Garda Civil coñece ben os obrigados cambios que a profesión conleva) instálanse en Torrelavega, Cantabria, como Capitán Xefe da Compañía desta cidade, onde en 1980 nacerá Ana, a primeira filla do matrimonio.
En 1981 comeza a longa etapa na serra madrileña, con residencia en Guadarrama. Gonzalo Jar desenvolve o seu emprego como capitán profesor primeiro, e comandante despois, na Acadmeia de Cabos de Guadarrama (ata o ano 1989) e na Academia de Promoción de San Lorenzo de El Escorial (entre os anos 1989 e 1993).
A vida durante estes anos foi de gran importancia persoal mais tamén profesional. No ano 1983 nacerá a súa segunda filla Marta, e un ano despois obtén a Diplomatura en Criminoloxía, á que seguirá o inicio dos estudos de Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid, que rematarán coa lectura da súa tese sobre o modelo policial español, obtendo coa máxima calificación o Doutorado en Ciencias Políticas. A tese sería publicada anos despois, en 1995, pola editorial Dykinson.
Paralelamente ó desenvolvemento destes intereses académicos na Universidade, Gonzalo Jar desenvolve o que foi unha das súas paixóns, o ensino. Sempre confiando nas posibilidades que un bo sistema académico pode ofrecer ós profesionais, dedícase con todo interese e esforzo ó súa labor como profesor, anos dos que sempre gardará un bo recordo, compartido pola meirande parte dos seus alumnos, que anos despois lembran aínda as mensaxes que nesas aulas recibiron.
En 1993, con motivo do ascenso a Tenente Coronel, a familia trasládese a Madrid, instalándose na Dirección Xeral da Garda Civil, que será o seu domicilio ata a morte de Gonzalo Jar Couselo. A partir deste intre comeza unha exitosa carreira profesional no ámbito da Garda Civil, mais tamén no ámbito académico, sucedéronse a publicación de varios artigos e libros que afondan no seus estudios policiais e de seguridade e participacións en diferentes universidades e centros de estudo, españois, mais tamén estranxeiros (Holanda, Francia, Arxentina e República Dominicana).
É tamén nestes anos cando Gonzalo Jar Couselo comeza a formar parte do Centro de Estudos de Dereito Internacional Humanitario (CEDIH) de Cruz Roja, e que rematou sendo unha das súas verdadeiras paixóns. Neste Centro desenvolveu as tarefas de divulgación do Dereito Internacional Humanitario, e estudos sobre Minas Antipersoa, Bombas Racimo ou Xornalistas de guerra. Ademais, permitiulle vivir experiencias coma a estancia en Mozambique durante dous meses, impartindo cursos ós mandos militares do país africano, ou en México, así coma súa condición de perito no xuízo na Audiencia Nacional pola morte do xornalista José Couso na guerra de Irak.
Na súa condición de Garda Civil, ocupou diferentes empregos, primeiro durante un ano no Gabinete do Director Xeral da Garda Civil, no Gabinete de Estudos e Prospectiva da Secretaría de Estado de Seguridade, no Ministerio do Interior, e, finalmente, entre os anos 1997 e 1999 na Subdirección Xeral de Persoal.
No ano 1999 Gonzalo Jar chega a Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos, organismo autónomo adscrito a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior, onde comezará como Xefe de Área, chegando a ocupar no ano 2003 o cargo de Secretario Xeral, ante a repentina morte do seu Xefe e amigo Juan Carlos. Durante estes anos chegarán os ascensos a Coronel (2000), Xeneral de Brigada (2004) e Xeneral de División (2008).
Estes anos foron anos nos que se mesturaron as boas e non tan boas novas. Se ben é certo que conseguiu dirixir con éxito o organismo do que se fixo cargo no ano 2003, é tamén certo que a saúde non lle acompañou, séndolle diagnosticado un linfoma no ano do seu ascenso a Coronel, ano 2000. Os momentos duros que trouxo a enfermidade, víronse agrandados polas dificultades atopadas para a súa clasificación para acudir ó curso que habilitaba ós coroneis para ser nomeados, no seu caso, xenerais; só a Xustiza dos tribunais conseguiu que se resarcirá esa inxusta desclasificación, podendo participar no citado curso, ó que lle seguiu o seu ascenso a Xeneral no ano 2004, logo dos esforzos persoais e de moitos amigos que souberon estar ó seu carón nuns intres tan complicados.
Durante todos estes anos non esqueceu Galicia, Lérez, onde ficaron os seus pais e amigos, e onde o día da súa morte residían o seu benquerido irmán, como Segundo Xefe da Comandancia de Pontevedra, e súa benquerida e adorada nai, que os seus 84 anos esperaba, rezando a San Benitiño, a súa recuperación tras meses de hospitalización en Madrid. Dende que saíra do seu barrio para comezar a súa vida profesional como garda civil, levou consigo a lembranza da súa terra, e levou tamén a lingua, que soubo ensinar, con moita dedicación e agarimo ás súas fillas, coas que sempre falou unha lingua que primeiro escoitou e falou, o galego. E foi precisamente nos últimos anos da súa vida cando entrou en contacto con bos amigos, dos que sempre se lamentou de telos atopado tan tarde, os membros da Asociación de funcionarios pola normalización lingüística, iniciándose unha serie de colaboracións, que incluíron publicacións, participación en actos e xuntanzas no ámbito da loita pola defensa dunha lingua e cultura coma é a galega.
As súas contribucións á normalización lingüística están recollidas na obra colectiva “En galego,con toda seguridade” e “En galego, agora e sempre”.
Foi así que participou en dúas ocasións como membro do xurado nos Premios da Crítica en Mondariz, ou que en xullo do 2009 foi nomeado Xuíz Honorario do Couto Mixto, e que dous meses despois enviou para Galicia o que veu ser un dos seus derradeiros escritos, “Viaxe o fin do mundo”, no que volveu á súa infancia a través da lembranza da súa primeira saída de Lérez para ver o mar.